Verdegaia denuncia que se está asfaltando o camiño forestal do treito que vai dende a estrada A Valenzá-Trelle á Base de Helicópteros do Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais no Monte dos Castros, nos concellos de Toén, A Merca e Cartelle, todos eles situados na provincia de Ourense.

Nestes días, pódese observar que se está procedendo ao asfaltado do camiño forestal que enlaza coa estrada A Valenzá-Trelle, camiño forestal en moi bo estado de conservación e con boa capa-base de rodadura, coa denominada Base de Helicópteros de Toén (base situada no Monte dos Castros no Monte Veciñal en Man Común de Pereira de Montes Concello de A Merca). O camiño forestal descorre na súa maior parte polo MVMC de Moreiras-Trelle (Toén), e na parte máis alta por montes do concello da Merca e Cartelle.  Tendo en consideración o bo estado do camiño citado, consideramos que é unha obra inxustificable dende moitos puntos de vista, entre outros:

1º.- O camiño está en bo estado de conservación, con materiais de características xeotécnicas axeitadas tanto polos materiais do propio contorno como pola achega nos últimos anos de zahorra artificial procedente de canteiras de granito. Os materiais observados tanto na capa-base de rodadura como na subbase son os axeitados para este tipo de viais.

2º.- O camiño forestal á Base de Helicópteros de Toén é unha vía de escasa utilización, que soporta unha intensidade media diaria de tráfico moi baixa. Soamente na tempada de máximo risco de incendios se observa unha maior afluencia de vehículos polo uso da base de helicópteros, mais se temos en consideración o bo estado do camiño, o alto investimento do asfaltado non está xustificado (aproximadamente un millón de euros por quilómetro).

3º.- É importante lembrar que en Galicia a ampla maioría dos incendios forestais se producen a carón de estradas e camiños asfaltados, polo que o asfaltado dos 2.300 metros do camiño á Base de Helicópteros de Toén pode afectar moi negativamente á conservación do ecosistema forestal do Montes dos Castros.

4º.- Co asfaltado deste camiño forestal vaise incrementar considerablemente a afluencia de vehículos de motor ao ecosistema forestal que acolle o Monte dos Castros: máis ruído, máis polución, máis perigo para a fauna por atropelos ao incrementarse a velocidade dos vehículos e a intensidade do tráfico.

5º.- A propia Consellería do Medio Rural incorre nunha incongruencia coa recentemente aprobada Lei 3/2007, do 9 de abril, de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Título IV “Condicións de acceso, circulación e permanencia en zonas forestais”, sobre a restricción da circulación de vehículos a motor en zonas forestais). Non ten sentido prohibir, por unha banda, a circulación ou permanencia en zonas forestais e, ao mesmo tempo, asfaltar camiños forestais en bo estado para que poidan circular con maior facilidade vehículos a motor.         
6º.- O Monte dos Castros está chamado a ser o Parque Forestal Periurbano de Ourense tanto pola súa superficie como polo valor dos ecosistemas forestais que acolle (repoboacións de varias especies, bosques autóctonos, bosques de ribeira…). O asfaltado do camiño no Monte dos Castros produce un forte impacto paisaxístico e medioambiental incrementando tanto os danos á flora e á fauna do ecosistema forestal como o incremento do risco de incendios polo tráfico e por persoas (incendiarios) que usan este tipo de vías ao ser máis doada a impunidade coa que actúan e que tódolos anos atentan contra o patrimonio natural.

Por todo o citado anteriormente, Verdegaia demanda:

1. A inmediata paralización da obra de asfaltado dos 2.300 metros do camiño forestal que vai á Base de Helicópteros de Toén polo argumentado prexuízo para o ecosistema en global, á fauna en particular, e polo aumento do risco de incendios forestais e polo incumprimento da Lei de incendios forestais de Galicia.


2.
Que o diñeiro orzamentado para esta obra se destine a tratamentos selvícolas, a melloras no Monte dos Castros, como introdución de frondosas e prevención de incendios.