A raíz da recente concesión de batidas ao lobo na Serra do Barbanza, e que outra batida está concedida o vindeiro sábado día 9 de xullo nas proximidades do monte Enxa, en Porto do Son, as asociacións asinantes enviaron un escrito ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña denunciando estas prácticas e esixindo a súa paralización.

Non é de recibo que se concedan batidas nestas datas nas que a especie é máis vulnerable. Está estipulado no punto 10 do Plan de Xestión do lobo que "se evitarán, salvo casos excepcionais debidamente xustificados, a realización de controis durante a época de reprodución desta especie"; contemplando, ao noso parecer, por razóns biolóxicas, un tempo moi curto que debería abranguer o período de marzo a outubro. A concesión de batidas sen estudos poboacionais serios e previos é unha arma que se emprega dun xeito inxustificado e habitual.

Segundo datos publicados anteriormente por ASCEL, o lobo aféctalle a menos do 0’1% do gando doméstico en Galicia, sendo moito maiores as perdas causadas ao gremio gandeiro polas enfermidades que as que se derivan de danos producidos polo lobo.

Alternativas

O monte Enxa e a súa periferia está dividido por un entramado de valados financiados con fondos públicos ao longo dos cales se moven as reses equinas. Este tipo de gando non ten apenas aproveitamento económico. A pesar disto, recibiu importantes investimentos para a instalación de tales valados, o que permite mellorar o seu manexo nesta redonda.

Dada a problemática existente, propoñemos a complementación dos valados coa instalación dun pastor eléctrico que se poida mover e colocar en cada unha das parcelas ao longo do tempo cos cabalos. Temos constancia de que temporalmente, os donos moven os cabalos a través das parcelas. Polo tanto, consideramos oportuno este sistema que poden mover e volver colocar durante ese proceso.

Para maior eficacia, unha vez paridas as eguas, estas deberían manterse cos poldros en enclaves delimitados por ditos pastores electrificados. Sen dúbida, os ataques diminuirán e, aínda que pode supor un custo económico inicial, este compensarase a longo prazo cunha diminución ou descenso de danos e da problemática existente.

Existe un estudo que fai mención á existencia de certas barreiras que impiden ou dificultan a colonización do corzo (Capreolus capreolus) ao oeste da AP-9. A mellora do hábitat na Serra do Barbanza, a facilitación de corredores e a permeabilización de obstáculos como a citada autoestrada poden ser fundamentais para fomentar as poboacións da especie e contribuír a frear ou diminuír a problemática existente entre o lobo e o gando equino.

Esta problemática, xunto coa eucaliptización, o abandono do monte e outros factores, poden estar na orixe dos continuos e devastadores incendios que teñen lugar na Serra do Barbanza. Consideramos que a celebración de mesas de debate entre os distintos sectores implicados nos usos forestais pode contribuír a conciliar intereses e disolver algún dos factores que manteñen parte desta problemática.

As asociacións asinantes ofrécense a prestarlle a axuda que necesite á Consellería neste ámbito.