thumb-norfor.jpgO deseño das plantacións e a falta de integración dos aspectos de conservación de hábitats e especies son algunhas das razóns da suspensión. O movemento ecoloxista español recibiu con satisfacción a suspensión do certificado forestal FSC  ás plantacións das empresas Norfor e Silvasur, ambas as dúas do Grupo ENCE. A suspensión do certificado foi debida á falta de cumprimento dos estándares españois do FSC. A noticia foi moi ben acollida nun comunicado conxunto por Verdegaia, Coordinadora Ecoloxista de Asturies, ARCA, Ecologistas en Acción, Greenpeace e WWF/Adena. 

O movemento ecoloxista español recibiu con satisfacción a suspensión do certificado forestal FSC (1) ás plantacións das empresas Norfor e Silvasur, ambas as dúas do Grupo ENCE, grupo empresarial dedicado á fabricación de pasta e papel a partir de fibra de eucalipto. A suspensión do certificado foi debida á falta de cumprimento dos estándares españois do FSC. A noticia foi moi bien acollida polas organizacións ecoloxistas Verdegaia (Galicia), Coordinadora Ecoloxista de Asturies (Asturias), ARCA (Cantabria), Ecologistas en Acción, WWF/Adena e Greenpeace, algunhas das cais utilizaron nos últimos anos os mecanismos de reclamación do sistema FSC para denunciaren que a xestión de ambas as empresas tiña aínda moitos aspectos que mellorar.

Norfor e Silvasur son propietarias de algo máis de 80.000 hectáreas de plantacións, principalmente de eucalipto, en Andalucía, Galicia, Asturias e Cantabria. Desde outubro de 2004 estas plantacións dispuñan do certificado FSC.  No caso de Norfor, a empresa posúe 442 hectáreas (274 cobertas de eucalipto) dentro de espazos de valor ambiental incluídos na Rede Natura en Galicia e Asturias. A suspensión do certificado FSC á empresa Norfor está xustificada polo coñecemento deficiente que ten dos recursos ambientais (flora, fauna, solos, etc.) no interior destes espazos protexidos e a falta de adaptación da xestión forestal a estes valores. Aspectos relacionados coa conservación dos solos, a diversidade das plantacións e as relacións desta empresa coa sociedade  recibiron tamén un suspenso por parte de FSC.

 "FSC é o único sistema de certificación forestal transparente que garante a participación equilibrada dos representantes dos intereses sociais, económicos e ambientais, e que está demostrando en todo o  mundo que é unha grande ferramenta para mellorar a xestión forestal e a conservación dos bosques do planeta. Por iso, cremos que o Grupo ENCE debe apostar por corrixir urxentemente as carencias identificadas polos auditores" declarou Félix Romero, do programa de Bosques de WWF/Adena.

As mesmas plantacións de Norfor e Silvasur cuxo certificado FSC foi suspendido  manteñen o certificado forestal PEFC, o que demostra que este sistema ten uns estándares menos esixentes en aspectos ambientais, alén de non dispor de mecanismos de participación pública o suficientemente eficaces para mellorar a xestión forestal a través da participación de todos os grupos de interese.  O PEFC, apoiado polos sectores industriais e algunhas administracións autonómicas, non conta co respaldo de ningunha organización comprometida coa conservación, a ecoloxía ou a axuda ao desenvolvemento.

"O que ocorreu coas plantacións de eucalipto de Norfor é impensable en PEFC, xa que este sistema non procura unha mellora real da xestión forestal" declarou Miguel Ángel Soto, responsable da campaña de Bosques de Greenpeace España.

"FSC tardou en reaccionar perante a concesión irregular do certificado a Norfor en 2004. Desexamos que esta suspensión se transforme a curto prazo en cancelación se Norfor continúa incumprindo estándares,  e que FSC mellore para evitar no futuro máis escándalos como o da certificación de NORFOR", declarou Xosé Veiras, de Verdegaia.

O Grupo ENCE acumula un longo historial de conflitos co ambiente e a sociedade. Recentemente, a Coordinadora Ecoloxista de Asturies denunciou ante o Principado de Asturias que as obras de ampliación da fábrica de Navia, propiedade desta empresa, non contan coa obrigatoria declaración de impacto ambiental favorable nin a autorización ambiental integral concedida.

"É intolerable que a Administración non obrigue as grandes empresas a cumpriren a lei. As obras de ampliación da fábrica de papel de Navia deben ser paralizadas até que o Grupo ENCE teña todas as autorizacións que esixe a lei" declarou Fructuoso Pontigo, da Coordinadora Ecoloxista de Asturies.

 

Máis información:

Verdegaia e Ecologistas en Acción piden que se cancele dunha vez a certificación FSC de Norfor

Verdegaia deixa de apoiar a certificación forestal FSC