Verdegaia, Ecologistas en Acción, Greenpeace, Amigos de la Tierra, Fundación Global Nature, a Fundación para la Prevención de Residuos y Consumo Responsable, Ecologistas de Cataluña e CEPA  mostran o seu escepticismo ante o anuncio de Ecoembes. As ONG ecoloxistas enviáronlle unha carta ao Sistema Integrado de Xestión Ecoembes tras o recente comunicado de prensa da entidade relativo a aumentar as actuais porcentaxes de recuperación e reciclaxe nos próximos años. As organizacións asinantes mostran o seu escepticismo fronte a estas declaracións e queren coñecer máis detalles sobre as medidas que se van pór en marcha para asegurar o incremento da reciclaxe.

Verdegaia, Ecologistas en Acción, Greenpeace, Amigos de la Tierra, Fundación Global Nature, a Fundación para la Prevención de Residuos y Consumo Responsable, Ecologistas de Cataluña e CEPA enviáronlle o 22 de febreiro unha carta á entidade xestora dos residuos de envases no Estado español, solicitándolle información sobre as accións que pretenden implantarse para lograr o incremento anunciado da porcentaxe de reciclaxe. Agardamos unha resposta clara sobre os prazos da súa implantación,  as actuacións para mellorar os sistemas de recollida e se van diferir da xestión levada a cabo nos 13 anos de existencia da entidade. Esta solicitude enmárcase no Convenio de Aarhus, trasposto á lexislación do Estado español mediante a Lei 27/2006 (1).

Cada día póñense no mercado 51 millóns de envases que nun período moi curto de tempo acaban converténdose en residuos. Ata agora, só o 30% (2) dos residuos urbanos xerados se recicla e o resto vértese ou incinérase, desbotando así unha enorme cantidade de recursos naturais, cada vez máis escasos.

As representantes da sociedade civil manifestan a súa preocupación polo excesivo consumo de recursos naturais, polos problemas asociados á súa extracción e á elevada xeración de residuos. Neste sentido, consideran imprescindíbel que tanto as administracións como a industria e a cidadanía asuman a súa responsabilidade e poñan en marcha as accións necesarias para solucionar esta problemática.

As medidas que habería que desenvolver deberían estar encamiñadas, en primeiro lugar, á redución dos residuos xerados, á reutilización e, en terceiro lugar e antes de poñer en marcha medidas finalistas, ao aumento das porcentaxes de reciclaxe, cumprindo a xerarquía europea de xestión de residuos. Isto é o que as organizacións ecoloxistas esperan de Ecoembes, polo que seguirán moi de preto as medidas que se vaia implantar a entidade para garantir un aumento real das porcentaxes de reciclaxe.

 —

(1) Lei 27/2006 de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

(2) Fonte MARM.