Segundo os datos oficiais do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia diminuíron o 7% en 2009 a respecto de 2008. Este descenso, sumado ao do ano anterior, situou as emisións de gases causantes do cambio climático en níveis similares aos de 1990. A caída das emisións desde 2007 explícase, en parte pola crise económica, en parte pola redución do uso do carbón na produción eléctrica. Este e outros datos recóllense no informe de Verdegaia  "As emisións de GEI en Galicia (1990-2009)".

 

Verdegaia salienta os seguintes datos do informe:

-As emisións de GEI en Galicia diminuíron o 21% entre 2007 e 2009, caendo de 35,1 a 27,7 millóns de toneladas.  A redución das emisións no sector enerxético, na industria e no transporte provocou esta forte baixadas das emisións, compensando sobradamente o crecemento rexistrado en sectores coma o residencial, comercial e institucional ou o de tratamento e eliminación de residuos.  A crise económica e a redución case á metade da produción eléctrica das centrais térmicas de carbón explican a caída en picado das emisións desde 2007.

-Aínda que non se disporá de datos oficiais definitivos até o próximo ano, todo indica que a crise económica e unha nova redución do uso de carbón na xeración eléctrica volveron provocar unha baixada das emisións durante 2010.

-No período 1990-2009 as emisións de GEI en Galicia aumentaron o 1,8%, é dicir, por debaixo do límite de incremento do 15% entre 1990 e a media anual do período 2008-2012 que se comprometeu a respectar o Estado español no marco do acordo da UE-15 para o cumprimento do  Protocolo de Quioto. O crecemento das emisións en Galicia foi moi inferior ao do conxunto de España (29,8%) pero superior ao da UE-15, onde as emisións recortáronse un 12,7% no mesmo período.

-O leve aumento das emisións entre 1990 e 2009 é o resultado de combinar un forte descenso das emisións no sector enerxético con aumentos en todos os demais sectores.  O sector no que máis aumentaron as emisións nos últimos vinte anos é o do transporte, onde se multiplicaron por máis de dous, medrando de 2,7 a 6,3 millóns de toneladas. En poucos países desenvolvidos se dispararon tanto as emisións do transporte como en Galicia. Este aumento desbocado é atribuíble ao  crecemento urbanístico difuso e ao estímulo do transporte motorizado privado. 

-As emisións por habitante de Galicia aínda son moi altas, superando mesmo as emisións medias de España e da UE: 9,9 toneladas/ano fronte a 8 e 9,2 respectivamente.

-As centrais de carbón das Pontes e de Meirama seguen a ser chaves no contributo de Galicia á mudanza climática. Malia teren diminuído a súa produción conxunta nun 46% entre 2007 e 2009, continúan sendo a principal fonte de gases de invernadoiro, supondo un 25% das emisións totais e facendo que as emisións por habitante de Galicia sexan  superiores ás emisións medias españolas e da UE .  A central térmica de carbón das Pontes, con 5,2 millóns de toneladas, foi en 2009 o segundo maior foco emisor de CO2 de todo o Estado español e a principal responsable de ENDESA ter sido a causante ela soa de máis da quinta parte das emisións de GEI de Galicia. Ao ser moi ineficiente e intensiva en emisións de CO2, o abandono da aínda importante produción eléctrica con carbón, hoxe innecesaria para atender a demanda galega, sería a medida individual máis acaída para comezar a reducir drasticamente as emisións en Galicia e avanzar cara a un modelo enerxético sustentable.

A Xunta incumpre a promesa de aprobar un Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático

O descenso das emisións rexistrado nos últimos anos non é suficiente para que Galicia, como país cunhas elevadas emisións por habitante, que contraeu unha débeda de carbono cos países empobrecidos, estea á altura das súas responsabilidades na prevención dunha mudanza climática global de dimensións catastróficas.  A Xunta -e tamén a oposición- deben deixar de ignorar o problema do cambio climático. O  Goberno galego incumpriu a promesa de  aprobar un Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020 antes do fin de 2010 e defende importantes medidas anti-clima, como o apoio ás térmicas de carbón ou a ampliación da rede de autovías e autoestradas.

Como primeiro paso decisivo, Galicia debería procurar unha diminución das emisións do 40% en 2020 a respecto de 1990, aplicando medidas de redución en todos os sectores. A loita contra o cambio climático, ademais dun imperativo moral, é unha oportunidade para superarmos a crise económica de forma sustentable e xusta, creando empregos verdes en actividades como a rehabilitación de vivendas, a eficiencia enerxética, as enerxías renovables, o transporte colectivo, a agricultura ecolóxica, a xestión sustentable do monte, a educación ambiental ou a reciclaxe.

Documento:

pdf As emisións de GEI en Galicia (1990-2009)