trafico_corua.jpgSegundo os datos oficiais do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia diminuíron o 15,5% en 2008 a respecto de 2007. Este descenso explícase sobre todo polo comezo da crise económica, a redución da produción eléctrica a partir de carbón e o aumento do prezo do petróleo. Malia esta caída, as emisións por habitante de Galicia seguen a ser moi altas, superando incluso as emisións medias de España e a UE. Este e outros datos recóllense no informe de Verdegaia  “As emisións de GEI en Galicia (1990-2008)”.

Verdegaia salienta os seguintes datos do informe:

-As emisións de GEI diminuíron o 15,5% en 2008 a respecto do ano 2007, caendo de 35,17 a 29,73 millóns de toneladas.  Esta diminución débese principalmente ao descenso no consumo de enerxía por causa da suba do prezo do petróleo (o barril de petróleo chegou a custar 150 dólares) e do comezo da crise económica, así como ao aumento da participación do gas natural no “mix enerxético” en detrimento do carbón. Aínda que non se dispón de datos oficiais, todo indica que a crise económica volveu provocar unha baixada das emisións durante 2009.

-No período 1990-2008 as emisións de GEI en Galicia aumentaron o 6,2%, é dicir, por debaixo do límite de incremento do 15% entre 1990 e a media anual do período 2008-2012 que se comprometeu a respectar o Estado español no marco do acordo da UE-15 para o cumprimento do  Protocolo de Quioto. O crecemento das emisións en Galicia foi moi inferior ao do conxunto de España (39,8%) pero superior ao da UE-15, onde as emisións recortáronse un 6,5%.

-A pesar do descenso rexistrado durante 2008, as emisións por habitante de Galicia aínda son moi altas, superando mesmo as emisións medias de España e da UE: 10,6 toneladas/ano fronte a 8,9 e 9,9 respectivamente. Perto da metade destas emisións (o 43,4%) son atribuíbles directamente a media ducia de grandes empresas transnacionais: ENDESA, ALCOA, REPSOL, GAS NATURAL FENOSA, FERROATLÁNTICA e CEMENTOS COSMOS (GRUPO CIMPOR).

-O carbón é o maior inimigo do clima. As centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama achegaron o 24,6% das emisións totais de Galicia.  Só a central das Pontes contribuiu máis á mudanza climática que todo o sector do transporte. Mesmo despois das reformas ás que se someteron para poder queimar só carbón de importación desde 2008, as centrais das Pontes e de Meirama seguen a ser moi ineficientes e moi intensivas en emisións de CO2.

-Aínda que baixaron as súas emisións durante 2008, o sector do transporte é o que máis aumentou as emisións entre 1990 e 2008, nada menos que o 89,4%, un incremento superior á media da UE-15 (19,9%) e incluso á española (80,4%). As causas do aumento desbocado das emisións de GEI do transporte hai que buscalas no crecemento urbanístico difuso, nunha política desmesurada de construción de novas infraestruturas de transporte por estrada, na insuficiencia das medidas de promoción dos modos de transporte sustentables, no aumento do parque de vehículos e nas escasas restricións para o seu uso en cidades e vilas.

 A Xunta non actúa contra o cambio climático

Galicia, como país cunhas elevadas emisións por habitante, que contraeu unha débeda de carbono cos países empobrecidos, debería facer un esforzo moi importante para reducir as súas emisións e contribuír na medida das súas responsabilidades a prevenir unha mudanza climática catastrófica. De se manteren as políticas actuais, as emisións de GEI subirán en canto saiamos da crise económica. A Xunta aínda non presentou unha proposta de Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020, mais todo apunta a que será máis un programa de compensación que de redución de emisións, cuxa medida principal será o potenciamento da capacidade de absorción de CO2 das plantacións forestais, nomeadamente de eucalipto, ignorando as súas limitacións como solución real ao cambio climático e os seus inconvenientes ecolóxicos.

O conxunto da acción do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo, orientada a procurar a calquera prezo o crecemento económico, contribúe moito máis a aumentar que a reducir as emisións de gases de invernadoiro. Exemplos de accións contrarias á loita contra o cambio climático son o respaldo á actividade das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes, o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015 (Plan MOVE), as axudas para a compra de automóbiles, a política territorial ou o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PRXUG) 2010-2020.

No documento “Por unha economía galega baixa en carbono”   Verdegaia presentou un conxunto de propostas para reducir de forma sostida as emisións galegas de gases que provocan a mudanza climática. Resulta prioritario decrecer o consumo de enerxía, renunciar ao uso do carbón, expandir adecuadamente as enerxías renovables, promover a soberanía alimentar, incentivar o consumo responsable ou reducir e reciclar os residuos en lugar de os incinerar. Accións que tornen posible unha transformación do modelo económico produtivista e consumista que provocou a crise climática.

Documentación:

  pdf As emisións de GEI en Galicia (1990-2008)