central_trmica_meirama.jpgAs emisións de dióxido de carbono (CO2) procedentes de combustibles fósiles (carbón, petróleo, gas natural) aumentaron en Galicia o 24,8% en 2007 a respecto de 1990, o ano de referencia para o Protocolo de Quioto. Pola contra, os Estados desenvolvidos que ratificaron este protocolo  diminuíron as emisións un 9,4% por termo medio durante o mesmo período. As nosas emisións por habitante de CO2 debidas á queima de combustibles fósiles son superiores ás emisións medias da UE.

Aínda que Galicia forma parte dun Estado que ratificou o Protocolo de Quioto -o primeiro acordo mundial de loita contra a mudanza climática,  cuxa substitución ou ampliación se debate no Cumio do Clima que está a decorrer en Copenhaguen- non só non reduciu as emisións de CO2 asociadas á produción e ao consumo de enerxía senón que as incrementou de forma importante. As emisións de CO2 procedentes dos combustibles fósiles representan aproximadamente o 80% das emisións de gases causantes do cambio climático desde Galicia e o conxunto dos países enriquecidos. A escala mundial supoñen un 60% das emisións.

As emisións de CO2  procedentes dos combustibles fósiles aumentaron en todos os sectores entre 1990 e 2007. O maior aumento rexistrouse no transporte, cuxas emisións se duplicaron, o que evidencia a forte insustentabilidade do noso modelo territorial e de transporte. Tamén as industrais enerxéticas (centrais térmicas, refinería de petróleo) aumentaron as súas emisións durante este período. O forte desenvolvemento da enerxía eólica impediu que as incrementasen aínda en maior medida.

As emisións galegas por habitante de CO2 debidas á queima de combustibles fósiles ascenden a 10,2 toneladas (ano 2007). Polo tanto, as emisións do noso país superan as emisións medias do mundo (4,3) e da UE (7,9) e non digamos xa as de países como India (1,1), Brasil (1,8) ou Senegal (0,3).  As nosas elevadas emisións por habitante explícanse sobre todo polo consumo excesivo e ineficiente de enerxía e pola presenza de dúas grandes centrais térmicas de carbón, a de ENDESA nas Pontes e a de GAS NATURAL-UNIÓN FENOSA en Meirama. O carbón é o combustible fósil máis intensivo en emisións de CO2..

A Xunta carece dun plan para reducir as emisións de gases causantes do principal problema socioambiental global, con obxectivos cuantificados e medidas orzamentadas. O actual goberno anulou o plan aprobado polo bipartito -que non prevía reducir senón tan só moderar o crecemento das emisións entre 1990 e 2008-2012- e aínda non presentou un alternativo. Dado que un 80% das nosas emisións proceden da produción e o consumo de enerxía, o prioritario é reformular as políticas enerxética e de transporte co obxectivo de diminuír  a produción eléctrica sucia (nomeadamente a partir de carbón), decrecer o consumo de enerxía e expandir as enerxías renovables de forma descentralizada e respectuosa co territorio.

Notas

(1) Os datos sobre as emisións de Galicia proceden do Ministerio de Medio Ambiente e do Medio Rural e Mariño. Os relativos a outros países proceden do informe “CO2 emissions from fuel combustion. Edition 2009″, da Axencia Internacional da Enerxía

(2) Verdegaia eleborou o documento  “Por unha economía galega baixa en carbono” , con propostas para reducir as emisións desde Galicia.

Emisións de CO2 en Galicia procedentes dos combustibles fósiles (en toneladas)

 

1990

2007

Crecemento

Industrias do sector enerxético

14.500.520

15.137.750

4,5%

Industrias manufactureiras e da construción

2.240.040

3.500.710

56%

Transporte

3.319.380

6.885.570

107%

Outros sectores (residencial, servizos,…)

2.535.280

2.768.080

9%

Emisións fuxitivas

425.530

443.540

4%

TOTAL

23.020.750

28.735.750

24,8%