Case medio cento de intervencións en pouco máis dun ano para transformar a paisaxe e protexer a biodiversidade

Grupo de brigadistas que levaron a cabo a intervención do pasado sábado.

En abril de 2018 nacían da man de Verdegaia as Brigadas deseucaliptizadoras, unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización do País fraguada durante a vaga de lumes do ano anterior. En pouco máis dun ano, o proxecto alistou a máis de 600 brigadistas e unha ducia de zonas de intervención que representan máis de 1000 hectáreas.

Este sábado 28, no cadro das mobilizacións globais polo clima, medio cento de brigadistas bótaronse novamente ao Monte Veciñal en Man Común de Froxán, en Lousame, distinguido pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais, e no que naceu a iniciativa. Logo dunha ducia de intervencións no seu territorio, a transformación da paisaxe é evidente, rescatando dentre os eucaliptos turbeiras, zonas húmidas, carballeiras e patrimonio cultural.

Froxán é só un dos montes no que veñen actuando as Brigadas de forma continuada, aos que hai que sumar outros por todo o territorio: desde Ferrol a Corcubión ou Dodro, na provincia da Coruña; Cotobade ou Pazos de Borbén en Pontevedra, e Cenlle, Beade ou Verín na de Ourense, nestas últimas, centrándose os esforzos no combate á mimosa. O recoñecemento ao traballo veu dado pola escolla de “deseucaliptización” como palabra galega do ano 2018 ou os premios “Lush Spring Prize” e “Premio Osíxeno” outorgados neste ano.

A enésima roga en Froxán

As máis de 600 brigadistas apuntadas reciben no mínimo unha convocatoria por mes, que implica unha “roga”, xornada de traballo ambiental colectivo, seguida dun xantar de “albaroque” e actividades culturais ou formativas na tarde. Cada “roga” é organizada por unha ou varias entidades locais, como poden ser comunidades de montes ou asociación veciñais, e que son as que coordenan os traballos sobre o terreno. As Brigadas dispoñen dun banco de equipamentos (machadas, motoserras, rozadoras, equipos de protección persoal, etc.) así como seguros específicos para a actividade, que se poñen en común. 

As intervencións nunca son puntuais procurando sempre consolidar os traballos realizados. Na “roga” deste sábado era xa a cuarta vez que se actuaba sobre determinados terrenos, machacando os últimos rebrotes de eucalipto. Os traballos sobre a turbeira de Campo de Lamas guíase por un plan de xestión e recuperación ambiental que foi seleccionado como un dos catro casos piloto para a guía “Cómo planificar los proyectos de custodia para adaptarse al cambio climático en las regiones vulnerables de España” e cuxo seguimento está sendo realizado por investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela.”

Máis info e fotografías de uso libre: Páxina web Brigadas deseucaliptizadoras: http://verdegaia.org/brigadas/

Álbum de fotos da Brigada de onte: https://www.facebook.com/ecoloxistasverdegaia/photos/?tab=album&album_id=10157588711257389