bump_modificada.jpgO anuncio realizado onte polo Alberte Núñez Feijoo sobre o aumento das axudas para mercar automóbil é unha mostra máis da insensata “fuxida cara adiante” que as Administracións están a adoptar para paliar a crise. A subvención directa para mercar automóbiles de ate 30.000 €, non precisamente de gama baixa, significa apostar por un modelo económico, enerxético e de transporte caduco, insustentábel e de graves consecuencias para o conxunto do planeta, ademais de desbaldir fondos públicos que deberan servir para apoiar a mudanza do sistema de transporte cara a modos de menor impacto ambiental e de maior beneficio social, incluídos os postos de traballo.

A feble escusa que sustenta esta medida é a de "consolidar" os 40.000 empregos que xera o sector do automóbil en Galiza. Diversos estudos realizados en Catalunya1, Alemaña2 e Francia3, indican sen lugar a dúbidas que o transporte público xera o duplo de postos de traballo que a mobilidade privada. A maiores, estes son postos de traballo de maior calidade ao non sufriren a ameaza da deslocalización da produción, cousa que si pasa coas plantas de fabricación de automóbiles como puidemos observar noutros lugares do Estado.

Na realidade, o conxunto da cidadanía xa estamos a inxectar inxentes cantidades de diñeiro (sexamos ou non usuarias habituais do automóbil) para cubrir os custos externos ou externalidades do transporte, isto é, os custos que xera o transporte e que non pagan os usuarios polo que son sufragados polo conxunto da sociedade. Entre estes custos, cumpre salientar a sinistralidade (máis de 3000 persoas mortas ao ano en España), a contaminación (16.000 mortos/ano), as alteracións climáticas, a destrución de espazos naturais, os gastos derivados da conxestión, a construción de infraestruturas (só o Plan Move da Xunta prevé un investimento de 4.000 millóns de €). Estes custos externos cuantifícase nun 9,56% do PIB español para o conxunto do transporte. E a maior parte destes custos externos son debidos ao automóbil.

Para afondar aínda máis na irracionalidade desta medida, o retorno fiscal (incluído a fiscalidade sobre o combustíbel) que representa o sector cobre tan só o 38% dos custos que xera, ou sexa, nin sequera chega a cubrir os custos das infraestruturas que emprega4

Outra dato que pon en evidencia o errado desta medida é o anuncio da Axencia Internacional da Enerxía de que no ano 2006 tíñase chegado ao pico máximo da produción do petróleo, augurando unha escalada de prezos constante. Un dos factores causantes da presente crise foi o aumento dos prezos do petróleo polo que semella un erro, mesmo ollado dende a ortodoxia económica, seguir promovendo o aumento do consumo de combustíbeis fósiles, tornándonos aínda máis dependentes enerxeticamente (en Galiza, o 57% da enerxía primaria que consumimos é petróleo, a metade da cal destínase integramente ao transporte5) e desequilibrando aínda máis a nosa balanza comercial.

Estamos inmersos nunha fonda crise ambiental solapada cunha crise económica e enerxética. En definitiva, unha crise sistémica producida por un modelo de desenvolvemento baseado no crecemento exponencial e o consumo incrementado de enerxía e materiais. Un modelo de crecemento ilimitado absolutamente incompatible cun mundo limitado en recursos. Diante desta realidade, o mínimo que se lle pode pedir a calquera administración pública é que entenda as causas da crise e que traballe para adaptar a nosa sociedade e seu modelo de desenvolvemento ao contexto ambiental e enerxético presente e vindeiro, sempre tendo presente a sustentabilidade social dos procesos.

Así no canto de subvencionar un modelo que incide nas causas que trouxeron a presente crise, a Administración galega debería adoptar medidas que promovan o transvase de viaxeiros do automóbil privado cara ao transporte público e medios non motorizados, ambiental e socialmente máis eficientes e sustentables. Debe apostar pola creación de proximidade, achegando os servizos ás persoas, promovendo deste xeito as dinámicas locais, os postos de traballo de calidade e a estruturación social da comunidade. En definitiva, investir en reducir as necesidades de mobilidade e apostar sen fisuras polo transporte público son políticas que permitirán camiñar pola senda de adaptación a nova realidade ambiental e enerxeticamente do xeito menos traumático posíbel e mantendo a sustentabilidade social no proceso.

—-

Notas

1 Estudo de Pau Noy para o Instituto de Estudos de Seguridade. Este e os seguintes estudos citados, extraídos de Pau Noy, "Empleos, movilidad e infraestructuras", en Movilitat Sostenible i Segura, Inverno 2009.

2 Traballos do Instituto Wuppertal e INFRAS, de Zurich

3 A partir dunha investigación do INRETS, Instituto Nacional de Investigación sobre os Transportes e a Seguridade.

4Cambio Global España 2020. Programa Transporte. CCIM-Fundicot

5Dez preguntas básicas sobre a enerxía en Galicia. http://www.verdegaia.org/content/view/176/122/