Aínda non choveu que chegara para recuperar a capacidade dos encoros deste país, pero os aproveitamentos hidroeléctricos volven ser noticia, cando menos para Vilamartín de Valdeorras e o seu río Leira. O día 5 de decembro de 2007 publicouse no BOE a declaración de impacto ambiental de tres proxectos de aproveitamento hidroeléctrico do mesmo tramo do río Leira, preto da poboación chamada O Mato, pouco máis abaixo do aproveitamento de San Vicente. As empresas son: Prodes Hidroeléctricos S.L., Senercal S.L. e Cortizo S.L. Os tres proxectos practicamente só se diferencian en que Senercal situaría a central 50 metros máis abaixo cás outras, na altura da presa (4,12 m., 5 m. e 2,5 m) e en que as tuberías de Senercal irían soterradas e as das outras non.

Pero sobre todo hai datos obxectivos e comúns moi importantes: o río está nun proceso de recuperación por vertidos de louseiras; hai soutos en bo estado na zona; a vexetación de ribeira é hábitat prioritario segundo a Directiva 92/34/CEE; case seguro que hai un xacemento romano; a calidade paisaxística considérase media-alta e ningún dos proxectos cumpre todos os requisitos que se lle piden desde diferentes administracións (altura máxima de 3 metros da presa para a subida de peixes, nivel dos caudais ecolóxicos…), etc.

Perante esta situación, solicitóuselles ás tres empresas información complementaria. Na súa resposta vemos cousas como que Cortizo S.L. di que a fauna piscícola pode subir os 5 metros tranquilamente, ou que Cortizo S.L. nega absolutamente todos os datos obxectivos (o río está en fase de recuperación, existencia de lontras río arriba, etc.) e incluso chega a ser contraditoria cos seus propios informes anteriores.

Pero… sorpresa!: Os tres proxectos teñen un informe ambiental favorable porque só se vai conceder un deles e sempre e cando cumpran cos requisitos que lles pediron.

Verdegaia cuestiónase como é posible que, se un proxecto non cumpre os requisitos mínimos, e incluso se nega a asumir información obxectiva, reciba un informe ambiental favorable.

Non soamente reiteramos a nosa oposición a novas minicentrais nos ríos galegos, senón que tamén cuestionamos o criterio dubidoso de moitas administracións en materia de medio ambiente para conceder informes favorables.