MPPNwebEn Verdegaia, como parte do Comité de Defensa do Monte Galego, queremos amosar publicamente o apoio e solidariedade cas veciñas e veciños de Carnota e, en particular, coa Asociación Monte Pindo Parque Natural que ten loitado para a declaración do monte como Parque Natural. Tamén queremos amosar o noso apoio explícito ao comunicado que emitiron o pasado 12 de setembro como consecuencia do lume que queimou máis de 2000 hectáreas e que arrasou a práctica totalidade do espazo destinado ao futuro parque natural.

Do mesmo xeito que compartimos a súa análise tamén nos sumamos as esixencias do seu comunicado:

  • A declaración inmediata do Monte Pindo como Parque Natural.
  • A declaración do Concello de Carnota coma zona catastrófica.
  • A dimisión de Agustín Hernández Fernández de Rojas, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galiza.
  • A dimisión de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos.

Dende o Comité de Defensa do Monte Galego sumarémonos e apoiaremos o Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o sábado 28 de setembro e sumamos a nosa voz á chamada a toda a cidadanía galega a concorrer nunha grande manifestación nacional para esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galiza e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.