stop desafiuzamentosDe Verdegaia queremos facer explícito o noso apoio ás mobilizacións convocadas para este vindeiro sábado 16 de febreiro polas plataformas contra os desafiuzamentos. Porque non hai argumento que poida admitir que se manteña o estado actual de cousas ao respecto das leis hipotecarias e a relación de forzas entre a poboación dunha banda e certos sectores políticos e económicos doutra.

Podedes consultar lugares e horarios de diversas manifestacións no Estado (incluídas as galegas) na páxina da PAH:

http://www.afectadosporlahipoteca.com/16f-movilizacion-contra-el-genocidio-financiero-senalamos-a-los-responsables-y-exigimos-stop-desahucios-dacion-en-pago-retroactiva-y-alquiler-social-ya/

O problema actual da vivenda non é só, ou non é en absoluto, un problema económico, salvo que con iso esteamos a falar da mostra evidente do fracaso dun modelo de produción e reparto para acadar uns mínimos de igualdade. O problema da vivenda, tal e como o está a vivir hoxe un número inmenso de persoas en Galiza e no resto do Estado español, é un problema de dereitos humanos.

Isto non é algo novo para un sector da sociedade que antes ademais debía vivir como algo vergoñento o feito de perder ou non poder acceder a unha vivenda nunhas condicións mínimas de dignidade. O novo é a escala á que ten chegado esta situación e a falta de resposta de certos partidos políticos que teñen actuado como meros defensores dos intereses de grandes construtoras e entidades financeiras é imperdoable, mesmo que agora disfracen posturas pasadas.

Aproveitemos pois para facer unha reflexión xeral sobre como a vivenda puido pasar de ser un elemento básico para a vida ao motor dunha burbulla especulativa en mans de xentes e entidades con menos escrúpulos que cartos. Recordemos tamén que dende o ecoloxismo levamos anos denunciando este tipo de dinámicas envelenadas e os seus efectos para as persoas e para o medio natural, que ten soportado, especialmente nas costas, a saturación de absurdos espazos de cemento en aras do enriquecemento que uns cantos predicaban e moita xente quixo crer. Porque tamén é a sociedade no seu conxunto quen debe facer esa reflexión, para que isto non volva a suceder.

A imaxe que acompaña esta nova está tirada do xornal Praza Pública.