Dende a Plataforma contra os eólicos de Bustelo-Campelo-Toural (concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba) pedíronnos apoio na súa loita para que non se instale un novo parque eólico na zona.

Verdegaia non rexeita a enerxía eólica, pero si temos unha postura moi crítica coa política da administración e a acción das empresas neste ámbito. A falta de respecto aos valores naturais do territorio e á forma de vida e dereitos elementais das súas comunidades foi e é en demasiadas ocasións o contexto no que se levan adiante os procesos de instalación destes parques, sen termos ademais unha estratexia real e coherente de cambio global do modelo enerxético galego.

Tampouco é de xustiza, nin humana nin ecolóxica, que sexan as áreas rurais as que asuman as consecuencias negativas de necesidades enerxéticas que se xeran en boa medida no ámbito urbano. Por todo isto queremos apoiar esta reivindicación e convidarvos a participar deste roteiro que a plataforma organiza no día 4 de agosto. Podedes consultar a ruta nesta ligazón:

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-vilela-fervenza-de-castriz-eolicos-39165718