Verdegaia vén de presentar hoxe (15 de xuño) alegacións contra a explotación hidroeléctrica San Pedro II, que, aínda que se considera unha explotación independente, é unha ampliación do encoro de San Pedro, facendo un túnel na parede do canón do río (en zona LIC) para aumentar a explotación enerxética cunha central baixo terra que turbinaría máis caudal, que provén dun aumento concedido en Santo Estevo II.

dsc00634_02_copy.jpgComo xa vimos denunciando hai moito tempo, a explotación hidroeléctrica chegou a un límite inaceptable en moitos ríos de Galicia, mais podemos dicir que o río Sil é un dos máis esgotados neste sentido.

O río Sil está encorado en Galicia practicamente de inicio a fin. De feito, a situación chegou a tal exceso, que uns encoros dependen dos anteriores. É o caso do encoro de San Pedro, que depende do río Cabe e do encoro anterior, Santo Estevo. 

Xa se lle concedeu a Iberdrola (propietaria actualmente de todos os encoros do cauce directo do río Sil na provincia de Ourense) a segunda explotación en Santo Estevo (Santo Estevo II) e un aumento de caudal de 300 a 500 metros cúbicos de auga por segundo. 

Agora queren facer o mesmo en San Pedro (facer un túnel no canón do río e facer a central soterrada), precisamente en base ó aumento de caudal do encoro anterior.

Verdegaia cre que o impacto e a sobreexplotación do río Sil xa non permite ningún tipo de aumento en concesión nin de caudal nin de novas obras, sobre todo se temos en conta que todas as beiras do río practicamente (hai algunhas zonas estrañamente eliminadas) son zona LIC e incluso contan ás veces con outras figuras de protección (actualmente o BIC de Santa Cristina, por exemplo). 

Continuamos consumindo demasiada enerxía e non se formula en ningún momento a solución, que soamente é unha: redución do consumo. 

Por todo isto, Verdegaia presentou hoxe estas alegacións.

2009-06-15_alegacins_de_san_pedro_ii