Verdegaia participa da campaña da organización “Tu abrigo, su vida” que procura o feche das granxas de visóns.

Tu Abrigo Su Vida é unha organización que traballa pola prohibición das
granxas de visóns no estado español, e que está adherida á Fur Free Alliance, coalición internacional de máis de 50 organizacións, co obxectivo de pór fin á crueldade animal na industria peleteira.

A campaña vai dirixida a concienciar a sociedade e diríxese á Consellaría de Medio Rural, aos servizos veterinarios das catro provincias e a concellos con granxas peleteiras, demandando:

Que se facilite a lista das granxas de visóns inspeccionadas en cada provincia e nos informen sobre a cantidade de visóns aos que se lles realizou a proba  RT- PCR en cada unha delas.

Que se continúe coa investigación nas granxas de visóns, aplicándose o Sistema de Alerta Preventiva utilizado polos Países Baixos e que consiste na realización de test  RT- PCR semanais a 3-5 animais mortos en cada unha das granxas. Este sistema,  identificou 23 dos 36 casos de infección no seu territorio, evitando así graves danos sanitarios, tanto nos animais como nas persoas, e serve para xestionar a tempo as posibles infeccións por COVID-19 dos visóns e evitar o “contaxio comunitario”. Pedímoslle tamén que os resultados dos test semanais se fagan públicos, xa que estamos a tratar un tema que afecta directamente as familias de Galicia.

Que, dada a actual situación de emerxencia sanitaria e os graves problemas que carrexan estas explotacións, se promovan urxentemente os cambios lexislativos necesarios para proceder ao peche definitivo destas granxas.

Desde a campaña dirixímonos ao Concello de Carral solicitando información sobre a situación das granxas peleteiras de visóns de
Carral e promovendo os cambios lexislativos necesarios para proceder ao peche das explotacións ubicadas no concello. Segundo o MAPA en Carral existen 5 granxas de visóns.

A carta pretende mostrar a preocupación polo potencial risco sanitario que implican as granxas de visóns e rogarlle su intervención urxente co obxectivo de previr e eliminar a tempo un posíbel foco de contaxio por COVID-19 nas granxas de visón americano como ten acontecido en granxas dos Países Baixos, Dinamarca, Estados Unidos e España.

Además de supor un potencial risco para a saúde pública, os motivos polos que as granxas peleteiras deberían pechar e ser prohibidas son múltiples :

Existen serias preocupacións éticas e de benestar animal asociadas coa cría de visóns, que levaron ao sector a ser prohibido ou eliminado en varios Estados membros: (Austria, Bélxica, Bosnia-Herzegovina, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos, Reino Unido, República Checa, República de Macedonia, Servia), o que demostra que Europa ten experimentado un desenvolvemento político e lexislativo en
contra da industria peleteira, existindo esta mesma iniciativa noutros Parlamentos, que están considerando igualmente a prohibición.

As granxas de visóns puxeron ao borde da extinción ao visón europeo,
especie autóctona, á que despraza e que xa é o carnívoro máis ameazado de Europa, no estado español quedan menos de 500 exemplares. Esta especie desapareceu do 90% da súa área de distribución orixinal, vítima da inclusión no noso territorio da especie exótica invasora que se escapa frecuentemente das granxas, o visón americano.

A produción de peles ten un impacto prexudicial sobre o medio ambiente. Os cheiros que emanan destas granxas ten un impacto devastador sobre as comunidades locais próximas pois, estes cheiros, atraen consigo inxentes cantidades de mosquitos.
Además, a escorrentía dos residuos das granxas de visóns causa un gran perigo de polución, xa que pode chegar a contaminar o solo e as vías fluviais, pola alta concentración de nutrientes que provoca o desenvolvemento de algas tóxicas e espumas. Tamén a grande cantidade de pegada de carbono que supón toda a cadea de produción desde os pensos para alimentación até a elaboración dos abrigos e o seu mantemento en refrixeración.

Por todo isto solicítase do Concello de Carral a lista de granxas inspeccionadas e as provas de PCR realizadas e que se promova os cambios lexislativos necesarios para que se poda proceder ao peche definitivo destas granxas.

Carta enviada ao Concello de Carral.