Verdegaia vén de denunciar ante a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que o pasado sábado día 7 de xuño apareceu forzada a porta do Punto de Información Ambiental das Ribeiras do Louro situado a carón dos observatorios de aves da Lagoa de Orbenlle, O Porriño. Esta porta recibiu tais golpes que as dúas pechaduras e o rodapé da mesma romperon mais, afortunadamente, os autores destes feitos non foron quen de aceder ao PIA. 

Asimesmo, desde Verdegaia solicitamos a esta administración que se sancione aos responsabeis e que se arranxe a citada porta.

Xa durante a tarde do día 7, membros de Verdegaia mantiveron unha conversa telefónica con persoal desta Delegación Provincial para lles dar conta do acontecido e para que a porta fose arranxada e un carpinteiro procedeu a apuntalala ese mesmo día para evitar que se pudiera acceder ao interior do PIA.

Actualmente, estanse a facer as xestións oportunas para que a porta fique arranxada esta semana e o Punto de Información Ambiental poda abrir as súas portas aos visitantes o vindeiro sábado pola mañá, como se vén facendo dende xaneiro deste ano.

Nos próximos días e tras recibir a taxación dos danos que realizará a citada administración, apresentarase unha denuncia no cuartel da Garda Civil do Porriño.