verdegaia_as-pontes_5.jpgActivistas da asociación ecoloxista Verdegaia construíron hoxe pola tarde o lema “Aquí comeza a mudanza climática” diante das centrais térmicas de carbón e de gas natural das Pontes. Fixéronno para denunciar as súas elevadas emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de invernadoiro causante das alteracións climáticas. En particular, a central térmica de carbón das Pontes é a maior “fábrica de mudanza climática” do Estado español. Esta central eléctrica emite ela soa máis CO2 que toda Navarra ou Estremadura.

No período 2005-2007, a central térmica de carbón das Pontes emitiu unha media anual de 9,12 millóns de toneladas de CO2, é dicir, bastante máis que todos o sector do transporte en Galicia (6,9 millóns en 2006). Xunto coa central de carbón de Meirama, representa o 37% das emisións totais de Galicia. Debido principalmente as centrais térmicas de carbón situadas no noso territorio, Galicia contribúe máis á mudanza climática, en termos relativos, que o conxunto de España e de Europa (1).

verdegaia_as-pontes_5.jpgA central das Pontes, propiedade de ENDESA, foi obxecto dunha reconversión para queimar só carbón de importación. Isto diminuirá sustancialmente as emisións de dióxido de xofre (SO2), gas causante de chuvia ácida, mais apenas reducirá as emisións de CO2, que seguirán a ser moi altas en relación coa electricidade xerada. É previsíbel que nos próximos anos esta central reduza a súa produción, mais aínda así seguirá a ser unha enorme “fábrica de mudanza climática”, incluso sen ter en conta as emisións asociadas á extracción e ao transporte de carbón desde lugares tan afastados como Indonesia.

No ano pasado comezou a funcionar a central térmica de ciclo combinado a gas natural das Pontes, tamén propiedade de ENDESA e situada a carón da central de carbón. Aínda que se trata dunha central moito máis eficiente e menos intensiva en emisións de CO2 que a central de carbón, non deixa de ser tamén unha central eléctrica sucia que lanzará á atmosfera cantidades moi importantes de CO2.

Verdegaia demanda o peche das centrais térmicas de carbón galegas das Pontes e de Meirama por se trataren de centrais ineficientes e moi impactantes, non só polas emisións de CO2, senón tamén pola contaminación local por partículas e gases acidificantes e polos danos ambientais da minería de carbón. O carbón, o combustible fósil máis contaminante, debe ser substituído polo aforro e polas renovables, no marco dunha política enerxética sustentable que decreza o consumo galego e as exportacións de electricidade (2). Seguir a queimar carbón para xerar electricidade en centrais obsoletas como as de Meirama e As Pontes é incompatible coa loita contra a mudanza climática global que, segundo os últimos datos científicos, está a evolucionar cara ao peor dos escenarios previstos, o que tería efectos devastadores ao longo do presente século, especialmente nos países empobrecidos.

Notas:

(1) En 2006, último ano para o que se dispón de datos oficiais, as emisións de gases de invernadoiro por habitante de Galicia foron de 12,4 toneladas, fronte ás 9,9 de España e ás 10,4 da UE-27.

(2) Con motivo da consulta pública do Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático, Verdegaia presentou un documento con propostas para reducir as emisións de gases de invernadoiro: “Por unha economía galega baixa en carbono”. (http://www.verdegaia.org/content/view/747/122).