thumb_peche_compostela.jpgCoincidindo co sexto aniversario da maior devastación ecolóxica que tivo lugar no noso país, a rede Galiza Non Se Vende alerta dun novo "Prestige" que navega polas augas dos mercados capitalistas ata as consellarías da Xunta, se ben este é  máis destrutor que o anterior. Para denunciar esta ameaza medioambiental, activistas de GNSV pecháronse esta mañá en diversos edificios públicos de Coruña, Vigo, Ferrol, Ourense, Compostela, Mugardos e Ribadavia e fixeron entrega do manifesto no Concello de Cangas

Baixo o lema "Goberne quen Goberne: Galiza non se Vende" os activistas queren denunciar as políticas continuístas que seguen vendendo o País a intereses escuros, depredando, aplicando modelos traídos doutros lugares, provocando que Galicia perda de vez a súa idiosincrasia e se afiance nunhas prácticas económicas, agrícolas, paisaxísticas, medioambientais, enerxéticas, territoriais, alimentarias, relacionais, etc… que nada teñen que ver coas necesidades do País e das súas xentes, coa vida digna de quen hoxe habita a Terra e de quen poda vir despois.

Dous activistas foron detidos en Vigo polas forzas de seguridade que actuaron violentamente contra os pechados. Todos eles foron identificados pola policía e negoúselles o dereito a presentar un escrito no rexistro. O peche dos activistas foi pacífico en todo momento e non se comprende a actitude violenta da policía que chegou a rachar a pancarta de Galiza Non Se Vende .

peche_compostela.jpg peche_ferrol.jpg
 Consellaría de Medio Ambiente. Compostela  Concello de Mugardos
 peche_ribadavia.jpg
Ed. Adminsitrativos Xunta de Galicia. Vigo  Concello de Ribadavia
peche_corua.jpg ourense.jpg
  Ed. Admin. Xunta de Galicia. A Coruña  Concello de Ourense
ferrol_red.jpg  
 Concello de Ferrol  


Manifesto 13 NOVEMBRO. Rede Galiza non se Vende

Hai seis anos un barco-lixo carregado de fuel-lixo viaxaba de Europa a África. Un accidente fronte às costas galegas foi transformado en catástrofe por gobernantes incapaces e autoritarios, agachados tras a propaganda e a mentira. A cidadanía saíu á rúa como nunca antes fixera. Non se podía repetir esa destrución ambiental. Non se podía repetir esa forma de gobernar.

Apoiada naquela vaga de dignidade cidadá, a mudanza acabou por chegar ao goberno autonómico. Custou traballo ventilar aquela apodrecida Elsinor. Agora, seis anos máis tarde, o pantasma do pai de Hamlet vaga desacougado polos corredores pedindo vinganza. Mudou o goberno, pero… mudaron as políticas?

Non é a primeira vez que se conmemora tan fatídico día. Hoxe tamén hai acto oficial: forma parte dun ritual cínico, no que só se bota a vista atrás para seguir tirando proveito daquela traxedia á que non se debería chamar accidente. Claro que non debemos esquecer. Nós tampouco esquecemos. Non esqueceremos nunca como centos de milleiros de galeg@s berramos NUNCA MÁIS, convencidos de que de alí en diante algo había mudar definitivamente.

Que pouco aprendemos daquela experiencia! Neste novo 13 de Novembro denunciamos que temos dentro un perigo moitísimo maior, con efectos que son calquera cousa menos “accidentais”.

Porque se gravísimos, case irreparables, foron os danos provocados por aquela catástrofe, non menores son os que cabe agardar das políticas continuístas que seguen vendendo o País a intereses escuros, depredando, aplicando modelos traídos doutros lugares, provocando que Galicia perda de vez a súa idiosincrasia e se afiance nunhas prácticas económicas, agrícolas, paisaxísticas, medioambientais, enerxéticas, territoriais, alimentarias, relacionais, etc… que nada teñen que ver coas necesidades do País e das súas xentes, coa vida digna de quen hoxe habita a Terra e de quen poda vir despois.  

Pero ben lonxe de marcar claramente distancias coas viciadas e denostadas políticas anteriores, o goberno “bipartido” da Xunta de Galicia seguíu apostando por un vergonzoso continuísmo, caendo nas mans do capitalismo máis depredador en vez de apostar decididamente por estudar e aplicar modelos de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social acordes coas demandas de Galicia e d@s galeg@s. Mesmo a actual crise pon de manifesto a febleza de todo o sistema económico que, baixo a etiqueta de progreso, o que fai é vender os nosos recursos ás grandes transnacionais, hipotecando o noso futuro e atacando as bases da nosa propia soberanía.

Denunciamos con toda contundencia:

  • Recheos inxustificados e alarmante contaminación urbana e industrial nas rías

  • Degradación dos ríos por contaminación e encoros

  • Plan acuícola devastador de costa virxe

  • Plan de portos deportivos privatizador e destrutor da costa

  • Plan eólico deseñado para os intereses empresariais

  • Plan de minaría destrutor do rural e cuestionábel rehabilitación de zonas mineiras mediante a construción de megalagos (Meirama, As Pontes)

  • Degradación continuada do Courel, Ancares e Trevinca

  • Urbanismo masificador e salvaxe

  • Industrias perigosas e contaminantes: Reganosa, Ence, Endesa, Elnosa, Alcoa, Megasa, Meirama, SOGAMA, Ferroatlántica, Carballeda de Avia, etc.

  • Plan de residuos destrutor de chan rústico e ambientalmente inviabel

  • Proliferación desmesurada de polígonos industriais sen planificación

  • Plan de vivenda protexida especulativo pensado para os promotores

  • Plan de estradas sobredimensionado e irracional

  • Plan Vigo Íntegra deseñado para as construtoras

  • Directrices de Ordenación do Territorio ilegais feitas sen contar coa participación cidadán

  • Modelo de transporte insostible e destrutor (TAV, transporte privado..)

  • Abandono do rural, eucaliptización e desmantelamento da agricultura e gandería

  • Intento de desmantelamento do sector pesqueiro ( Lei de Pesca)

  • Desprotección insultante do medio natural e da Rede Natura

  • Degradación acelerada da paisaxe, desaparición de espazos singulares (Fragas do Eume, Covas do Folón, Gándaras de Budiño..)

  • Falta de compromiso real na recuperación dos núcleos históricos das vilas

  • Desprezo ao patrimonio cultural (V.A.C. Costa da Morte, A-76, destrución de castros..), despilfarro no Gaiás

  • Plans urbanísticos masificadores e especulativos e áreas metropolitanas depredadoras e desestruturadoras do territorio

  • Control interesado dos medios de comunicación e amordazamento das opinións críticas

  • Desprezo ao ben común, parcialidade interesada cara ao gran capital

  • Cultivo do clientelismo electoral

  • Parcialidade do estamento xudicial e desprotección do débil

E fronte a isto esiximos un cambio de rumo inmediato que poña a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social no centro das políticas, que sitúe ás persoas e ao ambiente por riba do lucro, que dialogue e avance na democracia participativa e reflexiva… Que supere o actual sistema (auto)destrutivo e a súa acumulación de crises, construíndo unha Terra viva e unha vida digna para tod@s.

Goberne quen goberne, Galiza non se vende!

Terra viva e vida digna para tod@s!