nuclear_non_grazas_xapones.jpgDos seis reactores en activo da central de Fukushima-Daiichi (Xapón), o número un, o máis antigo, foi o máis afectado e o primeiro en sufrir a fusión do núcleo. Este reactor BWR de 460 MW de potencia é idéntico ao reactor da central nuclear de Santa María de Garoña, en Burgos, tanto na súa construción interna coma no seu edificio de contención. De feito construíronse ao mesmo tempo e inauguráronse con meses de diferenza.

Non é casual, polo tanto, que fose precisamente este reactor, e non outro, o que sufrise os maiores danos e o que provocou unha radiación no exterior da central de máis de 5 Sievert, 100 veces maior da permitido para unha persoa nun ano.

O deseño destas vellas centrais BWR de General Electric presenta un edificio de contención de dimensións menores das necesarias, por cuestións puramente económicas. Iso provoca que, en casos de emerxencia como este, o hidróxeno producido nas barras de zircaloy que contén o combustible saia ao interior do edificio en altas concentracións, polo escaso volume. Ao se encontrar co osíxeno do aire, a presión inferior á atmosférica, mais en concentración abondo, produce unha reacción altamente exotérmica.

O obxectivo dos operarios da central de Daiichi é controlar o exceso de presión e evitar a explosión que provocaría a rotura do edificio de contención, o que provocaría un desastre similar ao de Chernobyl. Para iso están a facer o único que se pode facer nestes casos, liberar periodicamente á atmosfera os gases acumulados. Pero ao facelo libérase tamén material radiactivo, inherente ao funcionamento dunha central nuclear, o que provocou esa radiación tan extremadamente grande no exterior.

Cómpre sinalar aquí que se está a evacuar unha zona a 25 quilómetros de distancia da central, o que contrasta coa distancia de 10 quilómetros que se contempla nos plans de evacuación das zonas nucleares en España.

Tamén é importante o papel que está a xogar a refrixeración con auga do mar. É a única forma, prevista nas especificacións deste tipo de centrais situadas na costa, de conter a temperatura do reactor cando o circuíto primario está fóra de servizo, como neste caso. Pero cando acontecen catástrofes como esta, a mesma  auga pode non ser suficiente e é necesario mudala. Son millóns de litros de auga altamente radiactiva, que en caso de que o volume necesario sexa moi alto – e neste caso o é – non encontrarán recipiente ningún con capacidade abondo.

Con todo, dando por sentado que os profesionais nucleares xaponeses están a facer todo o posible por impediren unha fusión do núcleo que provocaría unha catástrofe similar á da central rusa en 1986, no mellor dos casos haberá un escape de material radiactivo ao aire e ao mar de proporcións xigantescas.

Para Ecoloxistas en Acción, o acontecido debe servir de reflexión a todos os que apostan pola enerxía nuclear. Segue pensando o PP en conceder dez anos máis á central de Garoña?. Segue pensando o Ministro de Industria en quitarlle de enriba ás nucleares o seu maior problema, o dos residuos, construíndolles un Almacén Temporal Centralizado, para alongarlles a vida?.

Noutra orde de cousas, a confederación ecoloxista estatal decidiu convocar mobilizacións nos próximos días, coa finalidade de concienciar a sociedade de que o ocorrido no Japón non é un feito isolado. As causas que poden provocar un desastre nuclear son moitas – entre elas un terremoto – mais o único xeito de evitarmos desastres coma este é eliminarmos un perigo innecesario que deixa un legado inadmisible ás xeracións vindeiras.

Máis información:

Páxina de Ecoloxistas en Acción sobre a enerxía nuclear