resize.jpgO Plano Galego de Acción fronte á Mudanza Climática presentado pola Xunta non contén medidas capaces de reducir significativamente as emisións de GEI debidas ao transporte, que xa supón o 20% das emisións totais. O Plano non é ambicioso, pois propón que as emisións se reduzan só nun 1,75% en 2012 a respecto de 2007, cando desde 1990 até hoxe aumentarón en máis dun 100%. Pero ademais as medidas que farían posíbel esa redución resultan pouco consistentes e escasamente críbeis. Baséanse na expansión do uso de agrocombustíbeis importados e nunha acción xenérica de fomento do transporte sostible sen concretar.

Por outro lado, cómpre ter en conta que, paralelamente a este Plano, a Xunta promove un Plano Director de Estradas que contribuirá de forma notábel ao aumento das emisións de GEI até 2020.

De acordo coa propia Xunta, de non se aplicar o Plano, o sector do transporte emitiría 5.070.000 toneladas (t) máis de GEI entre 2008 e 2012. O aumento progresivo no uso de agrocombustíbeis é unha das accións principais para reducir emisións, estimándose que representará un aforro de 1.265.000 t (25% da redución total). Esta redución é en boa medida ficticia, pois o seu cálculo parte da premisa de que o uso dos agrocombustíbeis suporía en todos os casos unha diminución do 100 % a respecto do uso de gasolina ou gasóleo, cando se sabe que o aforro global en emisións de dióxido de carbono (principal GEI) dos diversos agrocarburantes, dependendo das circunstancias da súa produción, adoita ser menor, sendo nalgúns casos mesmo negativo.

Ademais, case todos os agrocarburantes procederían de cultivos en países do Sur que, en moitos casos, poñen en perigo a seguridade e a soberanía alimentarias e provocan a destrución de ecosistemas con elevada biodiversidade, entre outros impactos negativos. Neste senso, a garantía de sustentabilidade dos agrocarburantes á que alude o Plano non ten fundamento. A Xunta, en lugar de promover agrocombustíbeis insustentábeis, debería fixar obxectivos de redución progresiva, en termos absolutos, do desmesurado consumo enerxético no transporte. Fomentar o uso de agrocombustíbeis importados é unha falsa solución contra as alteracións climáticas.

Unha acción xenericamente denominada fomento do transporte sustentábel suporía un aforro de 2.600.000 t de GEI (51% da redución total neste sector). Porén, a proposta de Plano non concreta e cuantifica o impacto de todas as medidas que posibilitarían esta redución, limitándose a cuantificar o aforro en emisións de tres delas (fomento do transporte metropolitano, fomento do transporte ferroviario, programa TES+BUS de uso de prazas vacías do transporte escolar para o transporte público), coas que só se xustifica o 5,7 % da redución total pretendida con esta medida. Outras medidas englobadas nesta acción, ou non dependen da Xunta (como a creación de áreas peonís en centros urbanos), ou non parece que vaian estar en marcha antes de 2012 (como a implantación de trens de proximidade).

Plano Director de Estradas insustentable 

Mentres a Xunta presenta un Plano para tentar reducir emisións no sector do transporte, ao mesmo tempo promove un Plano Director de Estradas insustentábel que favorecerá de forma importante o incremento do tráfico e o conseguinte aumento de emisións de GEI. O Plano de Estradas, que prevé incrementar a lonxitude da rede de estradas de alta capacidade de 965 a 2.223 Km, asume como inevitable un incremento da mobilidade motorizada superior ao 61% -en vehículos-quilómetro- no período 2006-2020. O Plano de Estradas da Xunta ignora até tal extremo o problema das alteracións climáticas que nin tan sequera no seu Informe de Sustentabilidade Ambiental -requirido polo procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica e elaborado pola Xunta- estima a súa incidencia na xeración de GEI. Incluso chega a considerar que o Plano mellorará a calidade atmosférica.

O 91% das emisións de GEI derivadas do transporte en Galicia están asociadas ao transporte por estrada, tendo lugar boa parte delas en ámbitos urbanos. Desde 1990 até hoxe duplicáronse as emisións deste sector, aumentando cinco veces por riba da media dos países industrializados. Verdegaia demanda accións enérxicas para diminuír as elevadas emisións do transporte, propondo unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas mentres non se aprobe un Plano de Transporte que priorice a "creación de proximidade" e a redución da demanda de transporte (de forma integrada coa planificación territorial), restrinxa fortemente o transporte privado, fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia sustancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos menos contaminantes (ferrocarril, autobús, bicicleta,…).

A redución sustancial das emisións de GEI no transporte implica a adopción de políticas con impactos moi positivos na mellora da calidade de vida nas cidades, a redución da sinistralidade nas estradas, a protección do medio ambiente a nivel local e a adaptación da economía ante o fin da era do petróleo barato.

Máis información:

O Plano da Xunta Fronte á Mudanza Climática non reducirá as emisións

As emisións de GEI en Galicia (1990-2006)