tambre.jpgO borrador do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa (PHGC) presentado pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reflite unha visión da política da auga pouco innovadora e afastada do espírito da Directiva Marco da Auga, que se está a aplicar con desgana e atraso. A Xunta non recoñece límites aos usos e demandas da auga e regatea esforzos na recuperación dos ecosistemas acuáticos. O Programa de Medidas do PHGC, que afecta aos ríos situados integramente en territorio galego e mais ás augas costeiras, prevé investir só 109 euros por habitante e ano no período 2011-2015.

Para a Xunta, como tamén para a xeralidade dos Concellos, a auga é apenas un recurso, non un activo ecosocial, e pódese usar sen límites, minusvalorando os efectos socioambientais negativos das demandas excesivas e ignorando a necesidade de nos adaptarmos á mudanza climática, que tende a reducir a dispoñibilidade de auga e aumentará a incidencia das secas. O borrador do PHGC non estabelece un réxime de caudais ecolóxicos para todos os cursos de auga, ao non se teren realizado aínda os estudos suficientes, e non procura o aforro e a mellora da eficiencia no consumo de auga, tanto nos usos domésticos como nos agrarios e industriais. O consumo a través das redes de abastecemento municipais e dos autoabastecementos, no canto de diminuír, medraría un 7,2% entre 2005 e 2027.

Concepción da política da auga coma unha política de obras públicas

Ao se entender a política de augas apenas como unha política de obras de abastecemento, saneamento e depuración, obras destinadas a garantir unhas demandas incontroladas de recursos hídricos que se traducen en volumes crecentes de augas residuais, as medidas que teñen a ver coa mellora da eficiencia no uso da auga son marxinadas, malia os seus beneficios socioambientais. O fomento de técnicas aforradoras de auga, a diminución das perdas nas redes de distribución, a educación ambiental e unha política de prezos que combinase a equidade social co estímulo á eficiencia, no cadro da remunicipalización do servizo da auga nos casos en que teña sido privatizado, permitirían reducir as demandas de auga sen comprometer o benestar social, moderando de paso o consumo enerxético asociado ao ciclo da auga e o investimento en infraestruturas hidráulicas.

Tamén resultan marxinadas polo borrador do PHGC medidas necesarias de protección ambiental diferentes da depuración, como a restauración e conservación dos bosques autóctonos das ribeiras dos ríos, a recuperación de especies de fauna e flora ameazadas de extinción, o control de especies exóticas invasoras, a mellora da permeabilidade fluvial, a prevención da contaminación ou a eliminación de construcións en zonas inundables. Asemade, é evidente a falta de preocupación da Xunta pola defensa firme do carácter público dos ríos e as súas ribeiras, para o cal sería preciso, por exemplo, rescatar ou revisar concesións hidroeléctricas, ou combater calquera apropiación das ribeiras para usos privados.

Aumento da demanda de auga para usos enerxéticos

A demanda de auga para a produción de electricidade é unha das causas principais de deterioración dos ríos en Galicia. E seríao aínda máis se ás 74 centrais hidroeléctricas en funcionamento hoxe nas bacías de Galicia-Costa se sumasen 33 máis no ano 2015, como prevé a proposta de PHGC. Verdegaia demanda que a Xunta cumpra a moción recentemente aprobada no Parlamento que a insta a "declarar os ríos de Galicia libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos".

Outro uso enerxético importante da auga en Galicia-Costa é o que fan as centrais térmicas, cuxo consumo anual de auga doce (35,4 hm3, 35.400 millóns de litros), principalmente para refrixeración, é similar ao consumo doméstico de toda a poboación que vive nas concas do río Verdugo e da ría de Vigo (34,48 hm3).O elevado consumo de auga destas centrais é unha razón máis, entre moitas outras, para substituír canto antes a súa produción polo aforro e as renovables. Os problemas asociados ao uso enerxético da auga poñen de manifesto como son necesarias, e deben ir da man, a nova cultura da auga e da enerxía, na procura do decrecemento do consumo e do máximo respecto polo medio.

Adiamentos do logro do bo estado das masas de auga superficiais

O logro do bo estado de todas as augas superficiais en 2015, ao que obriga a Directiva Marco da Auga, adíase até o 2021 ou o 2027 en 66 das 464 masas de auga definidas no PHGC. Tal é o caso, por exemplo, de determinados tramos dos ríos Sar, Tambre, Lérez ou Verdugo, dos encoros do Eume, de Cecebre, de Caldas ou da Fervenza, da ría do Burgo, da enseada do Umia, da maior parte da ría de Vigo, da desembocadura do río Lérez e Marín, da ría de Corcubión ou das augas costeiras de Bens e parte central da Mariña. Por outro lado, o borrador de PHGC só declara sete reservas naturais fluviais.

Documento:

pdf Alegacións Verdegaia borrador Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa