meirac_146323.jpgA Xunta figura entre as administracións que non toman en serio o urxente desafío da loita contra a mudanza climática, facendo moito máis para aumentar as emisións que para reducilas. O actual Goberno comprometeuse a aprobar antes do remate de 2010 un Programa de Acción contra o Cambio Climático, mais até agora non presentou nin sequera un borrador. Cómpre diminuír as emisións, mais non de forma temporal por efecto da crise, senón de xeito sostido como consecuencia de cambios no modelo de produción e consumo.

O conxunto da acción do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo contribúe ao incremento das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro (GEI) responsables da mudanza climática. Exemplos de accións contrarias á defensa do clima son o apoio á actividade das grandes fábricas de cambio climático que son as centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes; o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015 (Plan MOVE) e as axudas para a compra de automóbiles, que apuntalan un sistema de transporte moi intensivo en emisións; ou o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PRXUG) 2010-2020, que incrementa a incineración en lugar de substituíla pola redución, a reutilización e a reciclaxe, o que representaría un aforro considerable de emisións.

A partir de 2007, as emisións de GEI en Galicia teñen caído até situarse en níveis similares aos de 1990, o ano de referencia do Protocolo de Quioto. Trátase dunha diminución das emisións acompañada de consecuencias sociais negativas, que non é froito de mudanzas amplas no modelo de produción e consumo cara a unha economía sustentable e xusta. Con todo, e malia este descenso, as emisións por habitante de Galicia continúan a ser moi altas, superiores incluso ás emisións medias de España e da UE. Ademais, mentres en Galicia as emisións en 2009 estímase que foron similares ás de 1990, no conxunto da UE reducíronse un 17,3%.

De se manteren as políticas actuais, as emisións de GEI subirán en canto saiamos da crise. Para evitar que sexa así, urxen mudanzas no modelo económico que procuren o decrecemento no consumo de enerxía e de materiais e a descarbonización da economía de forma socialmente sustentable. Moi pouco se pode agardar neste senso do Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020 do actual Goberno, pois todo apunta a que será máis un programa de compensación que de redución de emisións, cuxa medida principal será o potenciamento da capacidade de absorción de CO2 das plantacións forestais, nomeadamente de eucalipto, ignorando as súas limitacións como solución real ao cambio climático e os seus inconvenientes ecolóxicos.

Documentación:

pdf Evolución das emisións de GEI en Galicia entre 2007 e 2009