XuntaCadeadoVerdegaia denuncia que a Xunta está a blindar o acceso aos expedientes de residuos, mentres empresas como a Ferroatlántica están a aproveitar para faceren verteduras masivas de residuos contaminantes ao noso medio natural sen autorización algunha e con total impunidade.

Verdegaia ven de detectar un novo soterramento de mais de 70.000 m3 de escouras de ferroaliaxes na canteira de Santa Lucia de Carballo procedentes da fábrica da Ferroatlántica en Cee. Lembremos que este residuo, do que a Ferroatlántica produce 40.000 tm ao ano, foi xa o responsábel dun grave episodio de contaminación marisqueira na ría de Corcubión e de unha chea de denuncias e angúrias veciñais polo “mal costume” desta empresa de arrombar estas “pedras verdes” en pistas, leiras, e montes da contorna.

Potencial tóxico demostrado

Estas escouras teñen un importante contido en hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) (Informes Xunta CCMM 2004 e LMAG 2006) que son substancias canceríxenas e xenotóxicas (Reg CE 1881/2006) e a súa produción está considerada na lexislación española como unha actividade potencialmente contaminante para o solo (RD 9/2005).

Cando a Ferroatlántica botaba as escouras na contorna da ría de Corcubión, o marisqueo estivo prohibido por térense atinxido niveis dos HAPs canceríxenos de 7102 ug/Kg, 35 veces superior ao máximo admitido pola AESAN para o consumo humano (Informe Xunta CCMM 2004). En anteriores intentos de vertedura en canteiras, o chan chegou a acadar 7 veces o nivel de referencia para a protección da a saúde humana e 46 veces o nivel de referencia para garantir o equilibro dos sistemas naturais (Analíticas Xunta LMAG 2006).

Nunha recente visita á canteira de Santa Lucía, Verdegaia ven de constatar como o monte do Petón de Santa Lucía ven de se converter nunha enorme “meseta” de 13 ha que agocha mais de 75.000 tm das escouras contaminantes. Os lixiviados -portadores dos tóxicos (Informe CE SCF/CS/CNTM/PAH/29), con altísimo contido en manganés e fortemente acidificados (pH=3,74) canalízanse ás leiras da contorna e ao rio Rosende con dúas piscifactorías de troita na proximidade, e que vai desembocar na ría de Corme e Laxe.

Ocultación de expedientes na Xunta

Verdegaia prepara as correspondentes accións e precisa consultar os expedientes de residuos ao respecto que figuran na consellería do ambiente (rexistro da produtora, xestora, cualificacións, analíticas…). Infelizmente, a asociación leva catro intentos para consultar os expedientes desde o 28 de setembro, coa súa formalización por escrito no rexistro da Xunta e o envío simultáneo ao correo electrónico oficial da consellaría, sen termos sido citados aínda, nen termos recibido un mínimo acuse de recibo. Xúntanse os escritos.

O acceso público á información ambiental en condicións transparencia e fluidez é unha condición fundamental para o desenvolvemento dunha sociedade participativa, sustentábel e consciente en materia de ecoloxía. Así está recollido na convención de Aarhus asinada por España, e que foi trasposta á lexislación ambiental estatal na lei 27/2006 que regula o dereito ao acceso á información,  participación pública e o acceso á xustiza en materia ambiental. Estes dereitos, patrimonio común europeo, estarían supostamente complementados e ampliados en Galiza na lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

Estamos a verificar que a realidade é ben diferente, e a tendencia actual -como estamos a experimentar especialmente os grupos ecoloxistas- é á blindaxe da información pública. O que debería ser un acceso telemático público por medios dixitais (como estabelece a lexislación) ou no seu defecto desprazarse ás oficinas da Xunta para consultarmos o expediente (como era hai uns anos coa nova lexislación europea) estase a converter nun proceso de “bunkerización” onde xa non se admite o acceso sem petición por escrito, e as peticións por escrito nin se responden, en tanto as empresas contaminadoras con intereses foráneos “fan da nosa terra un pandeiro”.

Marxe económica para criar planta de reciclaxe

A Ferroatlántica, sociedade madrileña propiedade do ex-ministro de Franco Juan Miguel Villar Mir,  tivo uns lucros despois de impostos de 110,6 millóns de euros no exercicio consolidado do 2011 (Informe web da empresa). A produción de ferroaliaxes mesmo se viu incrementada nun 19% a respeito do ano anterior.

Verdegaia reclama ao industrial e á administración galega, o investimento dunha pequena parte dos lucros obtidos anualmente, na criación dun centro de tratamento das escouras contaminantes, potenciando na bisbarra tecido industrial limpo e postos de traballo, no canto das prácticas abusivas de agochar o refugallo na ría ou no monte coa complicidade da administración pública que chega ao punto de ocultar os expedientes afastando a participación cidadanía e coutando a actividade do movemento ecoloxista.