xunqueiraDesde a Comisión Veciñal de afectados pola Depuradora do Lagares e a Asociación Ecoloxista Verdegaia estamos a ollar con perplexidade como, unha vez máis, a Xunqueira do Lagares (zona que conta con 5 hábitats de protección europeo) está sendo esnaquizada polas obras de inicio da construción da nova depuradora (medicións para facer o informe xeolóxico) e iso que a administración ten información precisa dos danos irreparables que se están a facer e da ilegalidade que supón ir contra o Auto da Audiencia Nacional que obriga á suspensión cautelar da execución do novo deslinde e polo tanto das obras que baseándose nese novo deslinde están a realizar.

Que a  pesares do Auto da Audiencia Nacional de 27/02/2012 polo que se estima o recurso de reposición interposto pola Asociación de Veciños de Coruxo (solicitando a suspensión cautelar da execución da Orde Ministerial de 19-10-2010 que aprobaba o establecemento dunha nova  liña de ribeira do mar no tramo comprendido entre os vértices M-328 a M-428 do deslinde de bens de dominio público marítimo terrestre e de que ese Auto, ditado pola Audiencia Nacional, recoñece entre outras cousas:

  • a necesidade de protección urxente da zona porque considera que se poden producir danos irreparables ao dominio público marítimo terrestre.
  • Que é evidente que a Administración está a permitir que se consolide unha alteración non natural da ribeira do mar, da cal se deriva unha lexitimación da implantación de infraestruturas que vulneran tal réxime de protección.
  • Que a Orden Ministerial impugnada, modifica a liña de ribeira do mar e que baixo o pretexto desta modificación está a lexitimar ou convalidar a previa implantación do paseo marítimo e a EDAR do Lagares nuns terreos que sen esa modificación do deslinde estarían dentro da ribeira do mar no caso do paseo e dentro dos primeiros 20 metros de servidume de protección no caso da EDAR
  • Que segundo o artigo 44.5 e 44.6 da Lei de Costas, ambas infraestruturas deben emprazarse fora (e non dentro) da ribeira do mar.

Que apesares de termos insistido no seu momento que tanto a  actual EDAR como o novo macroproxecto de depuradora son contrarios a Lei de Costas e, de denunciar a ilegalidade manifesta de emprazar unha EDAR en terreo de dominio público marítimo terrestre nos 20 primeiros metros da servidume de protección e que a obra se realizou sen concesión de Costas do Estado.

Que a zona da que falamos, coñecida como a Xunqueira do Lagares, un humidal único no sur do País e de extraordinaria riqueza  cuxos valores naturais deberían ser de obrigada conservación. Conta con 5 hábitats de interese comunitario e un deles considerado prioritario. “Os cinco Hábitats de Interese Comunitario localizados na área son hábitats escasos no contexto xeográfico do País, por estar vinculados a ambientes de extensión reducida como son os marismeños, lagunares e pantanosos“. No mesmo anteproxecto recoñecen a importancia do lugar e falan de establecer medidas preventivas e correctoras durante as obras (nada que ver co que está acontecendo),

Que leva realizar un procedemento expropiatorio pola vía de urxencia para despoxar aos veciños dos seus bens (casas e terreos) sen a indemnización adecuada, orixinándolles graves problemas persoais, familiares, económicos e mesmo de saúde.

Que todos estes aspectos ambientais foron alegados no seu día en tempo e forma e que non se tiveron en conta para nada como resultado dunha decisión política oportunista  que deixa de lado afrontar o problema do saneamento das augas residuais de xeito serio e rigoroso. No Estudo de Impacto ambiental non se realizou nin se contemplou unha verdadeira valoración de alternativas reais ao modelo actual de saneamento nin emprazamentos alternativos.

Lembramos á administración competente que aínda non foi publicado e polo tanto non houbo período de exposición pública do proxecto definitivo (saíu o anteproxecto ) e que polo tanto as actuacións realizadas ao respecto carecen de legalidade. Insistimos, unha vez máis, na inutilidade da nova instalación xa que persiste en manter os erros do pasado sen preocuparse por resolver o problema de fondo da depuración das augas emitidas á nosa ría: non valora a importancia dunha rede de sumidoiros separativos que permitan a recollida e aproveitamento das augas pluviais, non se teñen en conta políticas de redución no consumo, non se valora a reutilización das augas para a rega, limpeza ou na industria. Persisten en non tomar en conta a elevada pluviosidade da zona, a impermeabilización do solo da cidade e a necesidade de auga en tempos de seca. Non se ten en conta o grave efecto da vertedura por emisario submarino. Non se lle da importancia ao tema das verteduras industriais (van ao mesmo colector que as pluviais ou domésticas, sen tratamento previo nin caracterización da vertedura). Non se ten en conta a imposibilidade de reutilización dos lodos xerados pola presenza de contaminantes.

Queremos denunciar tamén o papel xogado pola clase política das diferentes administracións implicadas, que malgastan tempo e recursos  (escasos en momentos de crise coma o actual) sen afrontar solucións reais aos problemas e que fan ouvidos xordos á legalidade sen importarlle o que se leve por diante.

E volvemos solicitar unha vez máis que:

Se paralicen todas as obras. Que o anteproxecto para a ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares non se leve a cabo e que, por conseguinte, se desmantele a actual E.D.A.R. do Lagares e se rexenere o amial que antigamente existía nos terreos actualmente ocupados por esta infraestrutura.