soja_1.jpgA dirixente labrega paraguaia Gilda Roa estará os vindeiros días 4, 5 e 6 de Xuño en Galiza, dentro da xira europea que está a facer xunto coa investigadora Nina Holland e a antropóloga An Maeyens, para informar sobre os impactos ambientais e sociais dos monocultivos de soia transxénica no Paraguai, produción destinada á exportación para a elaboración de agrocombustíbeis e pensos para gandaría industrial. 

Gilda Roa, dirixente do MAP (Movimiento Agrario y Popular) veu a Europa para participar no evento Planet Diversity , en Bonn, paralelo á Convención da ONU sobre Diversidade Biolóxica, convidada por CEO (Corporate Europe Observatory) e A SEED Europe (Action for Solidarity, Environment, Equality and Diversity). A visita de Gilda Roa foi aproveitada por estas dúas organizacións para facer unha xira europea da campaña internacional “A soia mata”.

Gilda Roa (MAP), Nina Holland (CEO) e An Maeyens (A SEED Europe) estarán en Galiza entre os días 4 e 6 de Xuño convidadas pola Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (alianza formada por Amarante, SLG, Verdegaia e VSF) para falar en Lugo, Ferrol e Vigo sobre as consecuencias ambientais e sociais dos monocultivos de soia no Paraguai. A soia transxénica cultivada no Paraguai é exportada a Europa co obxecto de elaborar agrocombustíbeis e pensos para gandaría industrial.

Calendario:

  • Mércores 4 de Xuño ás 20:00 horas. Sala de Xuntas da Faculdade de Veterinaria (Lugo)
  • Xoves 5 de Xuño ás 19:15 horas. Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204 1º), Ferrol
  • Venres 6 de Xuño ás 20:00 horas. CSA A Cova dos Ratos (Rúa Romil), Vigo

As charlas serán acompañadas de proxeccións de curtametraxes nas que se recolle a situación que vive o rural paraguaio

Gilda Roa fai parte da Dirección Nacionalsoja_2.jpg do MAP (Movimiento Agrario y Popular), organización paraguaia que traballa na defensa das comunidades labregas que moran na fronteira agrícola da soia transxénica.

Nina Holland é investigadora do CEO (Corporate Europe Observatory), organización con base en Amsterdam dedicada á investigación e realización de campañas sobre as ameazas á democracia, equidade, xustiza social e ambiente por parte das empresas e os seus lobbies. Un dos ámbitos de investigación de Nina Holland é o da política europea sobre agrocombustíbeis.

An Maeyens é antropóloga e membro da rede A SEED Europe (Action for Solidarity, Environment, Equality and Diversity) con sede en Amsterdam. An Maeyens ten estudado a situación das poboacións labregas paraguaias.

cartaz_xira_gilda_roa