BannerTransporteO acordo baleiro de contidos co que finalizou a 20ª conferencia da ONU sobre a Mudanza climática celebrado en Lima é máis un reflexo da desidia coa que os gobernantes encaran este grave problema, ao mesmo tempo que demostran ser incapaces de apostar firmemente polas enerxías renovábeis.

Esa desidia tamén se manifesta nas administracións máis próximas, a lentitude na implantación do transporte metropolitano na área de Vigo é un claro exemplo de como en moitas ocasións as administracións públicas antepoñen intereses partidarios ao interese xeral.

Dentro da sempiterna batalla entre o Concello de Vigo e a Xunta, ambos rexeitan aumentar os fondos que achegan para a implantación do transporte metropolitano. Actitude inxustificable cando o valor en discordia é irrisorio se comparado con as subvencións que o concello de Vigo destina a compañías aéreas ou as subvencións que a Xunta destina ás concesionarias de autoestradas, ambas orientadas a promover o uso de vehículos altamente contaminantes.

En Verdegaia consideramos que a promoción do transporte colectivo é unha peza fundamental para diminuír o consumo dos combustíbeis fósiles, polo que queremos achegar o noso gran de area mediante un proxecto que até agora ningunha administración se preocupou en elaborar.

Dende hoxe pódese atopar resumida nun so sitio (verdegaia.org) toda a información sobre os diferentes medios de transporte (bus, barco e tren) que comunican Vigo coas comarcas veciñas (Morrazo, Pontevedra, Louriña, Condado, Baixo Miño e Val Miñor). Permite a consulta dos horarios de saída e chegada, dos horarios de pasaxe polas principais paradas e obter información sobre as diversas posibilidades de intermodalidade, é dicir, de combinación de diferentes medios de transporte.

Deste modo tentamos solucionar o baleiro informativo que existe ao redor do transporte interurbano na cidade de Vigo. A maioría da poboación descoñece que entre Vigo e O Porriño hai 62 conexións diarias ou que entre Vigo e Pontevedra hai 59. O problema está no caos que se foi producindo ao longo dos anos en que se lle permitiu a cada concesionaria adaptar as frecuencias a medida do seu propio interese. Así chegamos a unha situación na que ao cidadán non se lle presenta unha opción de transporte colectivo clara e ordenada senón unha serie de servizos desconexos, caros e lentos.

Transmítese polo tanto unha imaxe de descoordinación e inseguridade que leva a unha realidade incómoda: a meirande parte dos pasaxeiros dos transportes colectivos utilízaos por non dispoñer de coche ou moto. Tal como reflicte unha enquisa realizada por Vitrasa en 2011, na que preguntados polo motivo que os levaba a utilizar o bus, o 70% dos usuarios do servizo contestou que se debía a que non tiñan coche.i

É por iso que instamos ao concello de Vigo e á Xunta para que a implantación do transporte metropolitano non se limite á creación do billete único (imprescindible para permitir transbordos), e que estableza unha coordinación entre todos os medios de transporte de modo a que estean adaptados ás necesidades reais das persoas.

Aproveitamos para recordar as principais eivas que calquera usuario de barco, bus ou tren detecta na area de Vigo:

  • unha estación de buses que non ofrece asento nas plataformas levando a que os pasaxeiros se teñan que sentar no chan ou nas escaleiras, que presenta equipamentos avariados e non dispón de paneis informativos en condicións;

  • unha estación marítima que utiliza como punto de embarque un peirao afastado da estación marítima e da parada de bus urbano, obrigando os pasaxeiros a percorrer unha distancia innecesaria e incómoda á intemperie;

  • descoordinación horaria dos buses urbanos cos medios de transporte interurbano, obrigando os pasaxeiros a prolongados períodos de espera para poder combinalos;

  • desinterese de todas as administracións pola creación dun servizo de tren de proximidade simplemente aproveitando a infraestrutura da “Y invertida” Vigo-Pontevedra-Tui con centro en Redondela;

  • debate anacrónico sobre se a futura estación de Urzáiz debe acoller unha terminal de buses. É fundamental garantir unha estación intermodal e dende a cal exista un servizo de lanzadeiras de bus urbano aos principais puntos de afluencia da cidade así como á estación marítima.

ihttp://www.vitrasa.es/php/index.php?pag=mas_info/encuestas-anteriores&sub=encuesta&id=4