Verdegaia e Ecologistas en Acción convocan a “Semana sen televisión” do 20 ó 26 de abril, coa finalidade de denunciar o modelo de produción e consumo insostible social e ambientalmente que as televisións celebran e promoven. Esta iniciativa propón que non se prenda a televisión durante esta semana como unha forma simbólica de denunciar o papel que cumpre a televisión na destrución do planeta e poñer de manifesto o illamento que este medio produce nas persoas e o deterioro social e ambiental que promove mediante a incitación constante ó consumo irracional.

Esta idea estase levando a cabo dende o ano 1995 e xurdiu nos Estados Unidos. Desde entón esta iniciativa pretende dar a ver que detrás da súa aparente fución de entretemento ou información, a televisión esconde o seu verdadeiro obxectivo, que é promover o consumo dos produtos das compañías que a financian ou que son as súas propietarias.

Segundo a Directiva Europea de Televisión Sen Fronteiras, cada hora de TV non debería incluír máis de 12 minustos de publicidade (o que xa supón un quinto de cada hora con publicidade). Por se este dato non fora alarmante de por si, a transposición desta Directiva no Estado Español permite que se lle engadan cinco minutos máis de autopromocións das propias cadeas, patrocinios e outras fórmulas que son, en realidade, máis publicidade.

A pesar de que en novembro de 2008 a Comisión Europea denunciou o Estado Español por superar os límites que marca esta Directiva ante o Tribunal de Xustiza da UE, o goberno de Madrid non fixo nada por cambiar esta situación. As principais cadeas de TV, tanto públicas como privadas, seguen a rebasar sistematicamente o límite de doce minutos de publicidade por hora, argumentando que os anuncios de telepromoción e as publirreportaxes de curta duración non son publicidade.

Os seus efectos van moito máis aló desta invasión publicitaria, porque a TV despraza as interaccións das persoas entre si e co territorio, substituíndoas pola contemplación dun espazo virtual seleccionado intencionadamente ó servizo da comercialización a grande escala.

Destúese ou debilítase deste xeito a produción local menos agresiva, as redes sociais próximas ou a cultura ligada ó territorio (xeralmente máis respectuosa desde o punto de vista ecolóxico).

Esta Semana sen Televisión pretende pór en dúbida este modelo insostible que a TV celebra cada día. Unha semana sen ver a tele para podermos pensar de xeito colectivo sobre ela.