Illas ciesO desvío de visitantes a Ons por excederse a cota en Cíes pode facer rebordar a cota de 1.500 persoas prevista no borrador do documento que leva 14 anos de demora pudendo ocasionar problemas ambientais e de seguridade

O exceso de cota de visitantes nas illas Cíes ten que ter unha solución que, entre outras medidas como as sancións de diferente índole ás empresas navieiras infractoras, pase pola aprobación do Plano Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, xa que este é o documento que rexe os usos que se poden levar a cabo no espazo protexido. Calquera outra solución que non contemple a aprobación deste documento será insuficiente.

Proba diso é que algunhas das empresas navieiras denunciadas pola Xunta de Galicia o pasado domingo 20 de agosto decidiron desviar con destino á illa de Ons aos viaxeiros que xa non podían transportar a Cíes debido ás medidas de control de cota de viaxeiros impostas pola Administración ese mesmo día. Isto pode parecer algo positivo e sen ningún tipo de problemática asociada mais, desgraciadamente, non é así.

Mentres que o transporte de viaxeiros ás illas Cíes ten un máximo de 2.200 viaxeiros/día establecido pola resolución de 3 de xullo de 2000 da Dirección Xeral de Transportes pertencente á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, ademais de tamén constar no borrador do PRUX, o transporte de viaxeiros á illa de Ons tan só está esbozado nese borrador en 1.500 persoas/día. Ademais, ao non estar aínda aprobado a día de hoxe ese documento regulador da xestión no Parque Nacional, esa previsión de cota non ten validez legal.

Cómpre lembrar outra vez que o Movemento Ecoloxista leva máis dunha década solicitando, tanto á Dirección do Parque Nacional como á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que se cumpra a Disposición Adicional Segunda da Lei 15/2002, de 1 de xullo pola que se declara o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que di: “No prazo dun ano elaborarase o plano reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional”. Deste xeito, o PRUX tiña que ter sido aprobado o día 3 de xullo de 2003. Malia as insistentes peticións dos últimos anos do Movemento Ecoloxista, nin a Dirección do Parque Nacional nin a Consellaría chegaron a aprobar este valioso documento. Polo tanto, a regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque Nacional. Só a neglixencia máis absoluta pode explicar que a estas alturas aínda careza dun plano que regule a súa xestión.

No PRUX, ademais do establecemento do número de visitantes, tamén se deben establecer mecanismos de control das cotas. Un que pode resultar axeitado é o que se leva a cabo no Parque Nacional do Teide no que un teleférico leva ós visitantes ó limite de entrada do espazo protexido onde membros do persoal do Parque Nacional controlan que non se exceda o cota diario de visitas. Isto sería moi doado de establecer no caso do Parque Nacional das Illas Atlánticas coa presencia de persoal do Parque nos peiraos das diferentes illas visitables.