carnotajO anuncio realizado pola Xunta sobre aprobación da figura de “incidencia supramunicipal” para os proxectos de piscifactorías de Quilmas (Carnota) e Porto do Son , ambolos dous de Stolt Sea Farms, que supón de feito o inicio da súa tramitación, pon en cuestión o proceso de Revisión do Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria actualmente en curso e que tiña previsto pecharse a finais de marzo. Anteriormente, o Consello da Xunta do 22 de xuño de 2006 adoptou, entre outras, a decisión de iniciar os trámites para a revisión e modificación do Plan Sectorial de Ordenación Territorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na costa galega e suspender a tramitación dos proxectos sectoriais presentados ao amparo do devandito Plan cuxas instalacións se proxecten sobre espazos ubicados en Rede Natura, decisión reiterada no documento COMUNICACIÓN PREVIA AO INICIO DO PROCEDEMENTO DE AVALIACIÓN AMBIENTAL DO PLAN SECTORIAL DOS PARQUES DE TECNOLOXÍA ALIMENTARIA, REVISADO elaborado pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

A piscifactoría que Stoltz Sea Farms pretende ampliar en Quilmas (Carnota) está situada dentro do LIC Carnota-Monte Pindo pertencente á Rede Natura e polo tanto, atendendo á decisión do 22 de xuño, a súa tramitación fica oficialmente suspendida ate rematar o proceso de revisión do Plano.

Porqué entón, inicia a Xunta a súa tramitación coa declaración de incidencia supramunicipal? En que lugar queda o proceso de revisión do Plano Sectorial e as chamadas á participación das entidades sociais?

A ubicación física das piscifactorias é un asunto de grande transcendencia ambiental posto que son fontes importantes de contaminación orgánica e química ademáis do impacto paisaxístico que xeran. Verdegaia coida que existe un desleixo por parte da Xuna no exercicio das funcións de defensa do patrimonio natural común dos e das galegas cedendo ás presións das grandes empresas do sector que con promesas dificilmente creíbeis de numerosos postos de traballo estanse a apropiar dun ben común en beneficio particular.

Verdegaia ven de presentar diante das Consellería de Pesca e Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible un documento de analise e avaliación do devandito Plano Sectorial no que tras sinalar os numerosos erros e inconsistencias do documento esixe:

  1. Que se exclúan do Plan Sectorial todos aqueles parques acuícolas, tanto de nova creación como as ampliacións previstas para os xa existentes, que afecten total, parcial ou pontualmente (foxo de bombas, conducións hidráulicas, etc.) a calquera dos espazos naturais protexidos que integren ou non a Rede Natura 2000.

  2. Que se leve a cabo o traslado dos parques ou das instalacións acuícolas xa existentes nos espazos naturais protexidos, tanto se son da Rede Natura como se non, a outros ámbitos carentes de proteción que determine o Plan Sectorial; unha vez caducada a concesión de ocupación do Dominio Público Marítimo Terrestre ( D.P.M.T) ou da sua Zona de Servidume de Protección

  3. Que se impidan as afeccións pontuais ao Dominio Público Marítimo Terrestre coa instalación de tuberías, bombeos, etc., cando estes afecten a zonas ambientalmente sensíbeis como formacións dunares ou sistemas lacustres (brañas, carregais, marismas, etc.); tanto se gozan de protección como se non.

  4. Que tanto os novos parques acuícolas como as ampliacións das instalacións xa existentes garden unha distancia mínima de 100 mts. ao respecto da liña que delimita o D.P.M.T., cando se trate de instalacións que non afecten a espazos naturais protexidos; dado que os que gocen de protección deberían descartarse do Plan Sectorial desde o principio.