cocheelectrico.jpgA confederación estatal Ecologistas en Acción, perante a presentación do Proxecto Piloto de Mobilidade Eléctrica Movele, discrepa dos datos de aforro enerxético facilitados polo  Ministro de Industria. Do mesmo xeito, pon en dúbida que a solución aos nosos problemas de mobilidade veña do lado do coche eléctrico. Máis ben ao contrario.

O Ministro de Industria, Turismo e Comercio vén de presentar o chamado Proxecto Piloto de Mobilidade Eléctrica, Movele. En dita presentación atribuiu unhas virtudes ao coche eléctrico que están moi lonxe da realidade.

 Efectivamente, os datos presentados non resisten a máis mínima análise científica. Así, por exemplo, o ministro Sebastián declarou que en caso de substituír todo o parque automobilístico actual "deixaríanse de emitir 81 millóns de toneladas de CO2 anuais, cifra que representa o 81% das emisións do sector do transporte".

Esquece o Ministro que, por exemplo, fabricar todos eses vehículos tería un custo enerxético brutal. De feito, calcúlase que fabricar un automóbil consome tanta enerxía como a que gasta ese mesmo vehículo ao longo de 60.000 km, un balanzo que de seguro non considerou o Sr. Sebastián nas súas contas.

Tamén chama a atención que a pretensión de reducir emisións de CO2 non se vexa correspondida con outras actuacións do Ministro, como o proba o forte recorte que realizou sobre a enerxía fotovoltaica, unha forma de xeración eléctrica claramente redutora de emisións.

Tamén semella dar por feito o Ministro que os novos vehículos eléctricos van  substituír os actuais automóbiles diesel ou gasolina. Está por ver. Máis ben a situación será a de que as familias conserven o seu vehículo de combustión interna para percorridos longos e incorporen un novo vehículo eléctrico para percorridos urbanos, incrementando aínda máis o enorme parque móbil que xa temos.

Pero, ademais, os estudos demostran que as melloras na eficiencia non adoitan ir acompañadas de reducións no consumo total dun recurso, senón a miúdo o contrario. Así, a mellora na eficiencia dos actuais coches a respecto dos de hai unha década non supuxo unha baixada no consumo de combustible nestes dez anos, senón o seu aumento pola maior utilización dos novos vehículos. É o que se coñece como o efecto rebote. A "conciencia tranquila" que pode provocar o uso dun coche eléctrico no consumidor -en especial con propaganda como a que se fai desde o Ministerio de Industria ou desde os fabricantes, que os cualifican como vehículos limpos e de emisións cero- levará a un maior emprego destes automóbiles.

Canto aos 8 millóns de euros previstos en axudas para impulsar a demanda de coches eléctricos, para a confederación estatal Ecologistas en Acción estes fondos mellor se empregarían en programas como os que se impulsan desde algúns países europeos: promover o abandono do coche en troques de abonos de transporte público. Isto sí que provocaría, de forma drástica, un grande aforro enerxético, menor dependencia enerxética e menores emisións de CO2, alén de facilitar unha maior calidade do aire nas nosas cidades e una mellora da habitabilidade urbana, sen falar da diminución da sinistralidade.

Para Ecologistas en Acción é verdade que os vehículos eléctricos poderían xerar menor contaminación acústica, de gases e de partículas nas cidades. Mais os coches orixinan outra serie de problemas, como os relacionados co modelo urbanístico e de transporte: expansión urbana, construción de grandes infraestruturas, grande ocupación de espazo público, limitacións á mobilidade doutros medios máis sustentables -a bicicleta, camiñar ou o transporte colectivo-, sinistralidade en condutores e peóns, e un longo etcétera.

O automóbil eléctrico avanza un paso máis en manter unha situación de insustentabilidade, simulando todo o contrario. Manter e potenciar os desprazamentos privados nos ámbitos metropolitanos favorece o modelo disperso de urbanismo e impulsa a creación de máis infraestruturas de transporte. Crea a ilusión de que é posible un sistema de transporte "ecolóxico" á marxe do transporte público e da reorganización urbanística.