A Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro, da que forma parte Verdegaia, segue a realizar accións de diversa índole encamiñadas á consecución da protección efectiva e á divulgación dos diversos valores deste prezado espazo natural. En datas vindeiras participarase nun roteiro pola Serra organizado polo I.E.M. (Instituto de Estudo Miñoranos) e informarase á cidadanía das nosas propostas no curro de Vincios.

Deste xeito, o día 6 de xullo participaremos no paseo que o I.E.M. organiza con saída ás 17:30 h. da súa sede en Gondomar (Avda. da Feira, nº 10). Na camiñada dende a Chan de Prado ata o Galiñeiro observaremos e explicaremos a fermosa paisaxe do Val, os lugares de interese ambiental, os valores patrimoniais da Serra e os puntos críticos nos que está afectada.

Por outra banda, o domingo 10 de xullo estaremos todo o día no curro de Vincios dando a coñecer as razóns que nos levan a defender a Serra do Galiñeiro.

A conservación das "burras do monte"

Actualmente os curros son un recurso turístico, pero o cabalo ceibe está nos montes galegos dende hai miles de anos e cumpre unha impagábel función na prevención de incendios forestais, diminuíndo a carga de combustible co seu ramoneo selectivo. Atrae igualmente a un elevado número de especies animais, polo que debe ser considerado patrimonio biolóxico. A súa conservación debería de ser polo tanto un obxectivo prioritario da sociedade galega e das administracións públicas, quen teñen a responsabilidade e a obriga de velaren pola conservación dos nosos recursos naturais e culturais. 

 Consideramos  que a Xunta debería propor a inclusión dos curros ou rapa das bestas como Patrimonio Galego Inmaterial e solicitar de Europa a  inclusión deste cabalo no catálogo de especies protexidas de especial regulamento. Sabemos da problemática que se dá arredor destes animais que cada vez teñen menos territorio para  si e que por iso se ven obrigados a baixar ás estradas, aos campos de cultivo e aos xardíns. Sabemos dos transtornos que causan nas poboacións veciñas, polo que consideramos  se debe controlar e regular  axeitadamente, a vida das "burras do monte". Temos claro que se debe xeralizar o control mediante as Organizacións de Propietarios por zonas, cun Regulamento que acolla os usos tradicionais e as axudas para que non se extinga nin o animal ni a festa da rapa das bestas.