-O venres, 15 de marzo, estudantes de todo o planeta sairán á rúa e denunciarán a inacción dos gobernos para resolver o gran desafío do noso tempo, o cambio climático.
-O movemento Fridays for Future, iniciado por Greta Thunberg, ten convocadas mobilizacións en varias cidades galegas

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” (1) apoia a folga estudantil polo clima convocada en todo o mundo para o 15 de marzo. Fai un chamado a toda a cidadanía a sumarse ás mobilizacións convocadas polo estudantado nas prazas de diversas cidades e vilas galegas, en demanda de accións para reducir rapidamente as emisións de gases causantes de cambio climático. Hai convocadas concentracións e/ou manifestacións cando menos na Coruña, Ferrol, San Sadurniño, Ares, Ourense, Vigo e O Porriño.

(convocatorias: http://juventudxclima.es/mapa/ e https://www.fridaysforfuture.org/events/map).

Para “Galiza, un futuro sen carbón” resulta esperanzador e alentador a conformación dun movemento xuvenil global que demanda respostas políticas ambiciosas fronte á crise climática. Agarda que se fortaleza e multiplique na nosa terra. Agradece ao estudantado impulsor da folga climática o seu compromiso e esforzo nun intre crucial na loita contra o maior problema socioambiental global.

Os “Venres polo Futuro” lembran  a urxencia de mitigarmos o cambio climático antes de que sexa demasiado tarde. Galiza será un dos países europeos máis afectados polo quentamento global. Tamén é, en termos relativos, un dos seus principais responsábeis, pois as súas emisións territoriais por habitante de gases con efecto invernadoiro son moi elevadas, superando a media española e europea. Un terzo procede da queima de carbón en centrais térmicas para producir electricidade (2).

NOTAS

(1) A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” é o nodo galego da plataforma Europa, máis alá do carbón. Está formada por ADEGA, Amigos da Terra, ANABAM, APDR, Arquitectura sen Fronteiras, Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Feitoría Verde, Ghichas comando (Val Miñor), Greenpeace, Nosa Enerxía, Petón do Lobo, Plataforma contra a mina de Touro-O Pino e Verdegaia. Máis información: https://unfuturosencarbon.org/.

(2) As emisións anuais por habitante de Galicia durante 2016 (último ano con datos oficiais) ascenderon a 10,3 toneladas, superando a media española (6,99) e da UE (8,4).  Tamén segundo os datos oficiais, as dúas centrais de carbón (As Pontes e Meirama) emitiron, de media anual, o 34% das emisións de gases de efecto invernadoiro no período 2012-2016.