Dános vergoña pensar que sexa a Comunidade Europea a que nos teña que multar polo  incumprimento da normativa de depuración de augas residuais. É importante lembrar que as augas residuais urbanas non depuradas constitúen un perigo para a saúde pública e a fonte máis significativa de contaminación de augas costeiras e interiores.

Un total de 9 cidades galegas non cumpren esta normativa: A Coruña, Santiago, Vigo, Cariño, Ribeira, Noia, Baiona, Tui e Viveiro.

Dende Verdegaia queremos dar a coñecer o que acontece no Concello de Santiago.

O sistema de saneamento na cidade é maioritariamente unitario, é dicir, hai unha única rede de evacuación que inclúe de forma conxunta as augas residuais propiamente ditas e a auga da choiva (Non é  preciso dicir que o nivel de contaminación en cada caso é completamente distinto). Este sistema de recollida supón un problema, xa que, a planta de tratamento de augas residuais de Silvouta está  a miúdo o borde do colapso. O caudal máximo que é capaz de tratar xa é superado en moitas ocasións en tempo seco.

Así, a maior parte do ano unha grande porcentaxe das augas residuais son vertidas directamente o río Sar, co conseguinte deterioro do mesmo. A relación entre o volume de augas  vertidas que non foron previamente depuradas o caudal do río está comprendida entre 1:2 e 1:5, o que nos dá unha idea do gran impacto que estes vertidos teñen no Sar.

É preocupante pensar que cada habitante utiliza una media de 300l/día de auga, e que se a cidade ten una poboación media de 105.793 persoas. O volume que se está a utilizar non é sustentábel ecoloxicamente. Polo que, é importante que toda a poboación se conciencie de que deixar a billa aberta, encher a bañeira… non só fai que se pague máis na factura da auga, senón que sobre todo se está a gastar un ben prezado que volve ao medio contaminado. Un consumo responsable é  por tanto un deber de todos.

Dende Verdegaia poñemos en manifesto que o sistema unitario de saneamento en Santiago non é viábel. O tratamento de auga de choiva non precisa os mesmos tratamentos que as augas residuais da cidade. Por tanto, nas situacións excepcionais nas que non poida ser tratada pola planta de depuración, non suporían o mesmo perigo ecolóxico se son liberadas directamente ao medio.

Estamos a pensar que poida que o Concello estea a esperar que e o cambio climático mude o tempo en Santiago até ser semellante a Sevilla, e así a depuradora poida entón tratar as augas residuais da cidade.

Verdegaia fai una reflexión sobre a necesidade dun sistema de saneamento enfocado a preservar a calidade da auga do río Sar e unha xestión adecuada a  realidade da cidade.