minaouro.jpgA empresa mineira canadense Río Narcea Gold Mines-Edgewater está a proxectar unha explotación mineira de ouro ao descuberto que –se fose circular- ocuparía un círculo de máis de tres quilómetros de diámetro (773,6 hectáreas). Dita explotación está planeada sobre a zona protexida Natura 2000 do LIC do río Anllóns e abrangue os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso.

Neste tipo de explotacións mineiras é necesario extraer unha tonelada de menas de baixa calidade –sen contar cos estériles de mina que hai que desprazar– para producir dous gramos de ouro, o que xera unha enorme cantidade de residuos mineiros nas zonas de extracción. A empresa recoñece un total de 20 millóns de metros cúbicos de residuos.

Para a extracción do ouro tritúrase o mineral, e tras pasar por unha serie de procesos, régase cunha solución de cianuro sódico, que fará que por lixivación extraia o ouro do mineral. O proceso fai que o consumo de auga sexa enorme, e deixa tras de si gran cantidade de refugallos. Segundo o propio documento de inicio que presenta a empresa “nalgúns casos, as solucións tratadas con este proceso cumpren criterios de calidade para permitir a súa vertedura ao ambiente.” Ademais destas disolucións químicas, prevese a vertedura dos residuos líquidos e as drenaxes da mina, co que se verán afectadas tanto as augas superficiais como os acuíferos subterráneos.

Os proxectos mineiros de gran escala utilizan varios millóns de quilogramos de cianuro de sodio ao ano. Un fallo no seu transporte e almacenamento pode ter consecuencias tráxicas, xa que o cianuro é unha sustancia química altamente tóxica clasificada como un dos principais contaminantes, e pode ter un impacto catastrófico e irreversible no ambiente e na saúde humana, e, polo tanto, na diversidade biolóxica. Compre ter en conta que nos últimos 25 anos, rexistráronse en todo o mundo máis de 30 accidentes importantes relacionados con verteduras de cianuro e que non existe ningunha garantía real de que non volva producirse un accidente semellante.

Tendo en conta as condicións da explotación, cremos que a necesidade de someter este proxecto ao estudo de impacto ambiental é incuestionable. A lei é taxativa neste sentido, e son moitas as circunstancias polas que este proxecto está obrigado a someterse a Estudo de Impacto Ambiental (a gran superficie a explotar, o enorme volume de mineral que se prevé mover, a proximidade de poboacións, as afeccións a espazos protexidos, o manexo de produtos tóxicos, a lixivación in situ, a afección aos pH, etc).

Estimamos que no EIA do proxecto deben aparecer recollidas e debidamente avaliadas as afeccións sobre Hábitats de conservación prioritaria na UE, dos Hábitats de interese comunitario1, LICs e ZEPAs existentes na zona da explotación e as súas inmediacións, e deben propoñerse alternativas para que esas afeccións non se dean, tal e como recolle a lei.

O EIA debe avaliar tamén as afeccións sobre as especies de flora e fauna presentes na zona, en especial as especies protexidas2, e debe contemplar as modificacións necesarias para evitar ditas afeccións, tal como prevé a lexislación.

Parécenos fundamental que no EIA deste proxecto se inclúa unha previsión dos accidentes posibles (rotura da balsa ou balsas, desbordamento, verquido, filtracións…), as súas consecuencias e os protocolos a aplicar en cada caso. Os numerosos accidentes habidos con este tipo de minería, que levaron a varios países europeos e varios estados de EUA a prohibir o uso do cianuro na minería, avalan a nosa petición.

Esiximos ademais que se inclúa no capítulo de avaliación da viabilidade económica do proxecto os custos de:

Seguro de responsabilidade civil para facer fronte aos posibles danos derivados da explotación.

Seguro de caución que permita afrontar os gastos derivados dos problemas que se puidesen detectar tras o peche da mina, ou despois dun peche imprevisto da mesma -por exemplo, en caso de creba-; garantindo así que eses gastos non van recaer enriba dos contribuíntes. Están documentados moitos casos, mesmo no Estado español, nos que, despois de finalizado o período de maior rendibilidade da explotación, a empresa “desaparece”3, deixando enriba da terra problemas que debe resolver o estado, co conseguinte prexuízo para as arcas públicas.

En Verdegaia opinamos que o nulo interese público deste proxecto non xustifica de ningunha maneira os elevados riscos que del se derivan tanto para os ecosistemas como para a propia poboación, polo que solicitamos que se contemple a opción cero: desestimación do proxecto. Pensamos que é a máis razoable.

De non facerse así, os posibles accidentes futuros poderían considerarse neglixencia da administración, por non tomar as medidas oportunas agora, cando aínda é posible.

En contra do que as empresas mineiras din, e tal e como se recoñeceu nunha resolución do Parlamento europeo4, “a minería con cianuro crea pouco emprego e só por un período de entre oito e dezaseis anos, pero pode provocar enormes danos ecolóxicos que, polo xeral, non son compensados polas empresas explotadoras responsables, que adoitan desaparecer ou ir á creba, senón polo Estado afectado, é dicir, polos contribuíntes”

________________

1 (DC92/43/CEE)

2 ás que fai referencia a Lei 42/07 e o R.D. 139/2011