A falta do financiamento definitivo, para un programa de demostración de captura a grande escala, a Comisión Europea (CE) propón un novo investimento para a captura e o almacenamento de carbono. Segundo Ecologistas en Acción, da observación dos cinco grupos de programas aprobados, pódese deducir que a CE renuncia á captura nas  centrais existentes, aposta pola captura previa á combustión, e, o que é aínda máis inaceptable, pola grande estafa das centrais “listas para capturar”.

 Para os seus promotores, o mecanismo máis facilmente dispoñible para o financiamento dun programa de demostración de captura a grande escala, sería acudir ás reservas para novos entrantes dos permisos europeos de emisión de CO2 (un permiso é unha tonelada de carbono equivalente). Con este mecanismo esperan conseguir uns 12.500 millóns de euros, mais este obxectivo está cada vez máis afastado, xa que o Parlamento Europeo reduciu a 300 os millóns de permisos dispoñibles para captura, e o prezo da tonelada de carbono baixou dos 25 € previstos, aos 8,5.

No entanto, a CE, “como parte da aplicación en curso do plan de recuperación da UE aprobado polo Consello Europeo en decembro de 2008”, presentou propostas para investir en proxectos clave de infraestrutura de banda larga de Internet e de enerxía, entre os que se inclúe a captura e almacenamento de carbono. En total propóñense 3.500 millóns de €, dos cais, 1.250 millóns serían para este fin, e o resto, para proxectos eólicos mariños (500 millóns de €), e proxectos de interconexión de gas e electricidade (1.750 millóns de €)

Os cinco grupos de proxectos de captura, aos que se asignaron 250 millóns de € a cada un, foron presentados por Alemaña, Holanda, Polonia, España (con Portugal) e o Reino Unido. Da observación dos mesmos pódese deducir, en primeiro lugar, que a CE renuncia á captura nas centrais existentes, e que aposta, principalmente, polos sistemas de captura mediante precombustión ou os sistemas de osíxeno-gas.

Sistemas de captura de CO2

Os primeiros extraen o CO2 antes da combustión, mediante gasificación de combustibles fósiles, que produce un “gas de síntese”, basicamente unha mestura de monóxido de carbono, metano e hidróxeno. Un exemplo deste tipo de central, de Gasificación Integrada en Ciclo Combinado (GICC) é a de ELCOGAS en Puertollano. Os proxectos deste tipo, aprobados pola Comisión son os de Huerth en Alemaña, Eemshaven, en Holanda, e Hatfield, no Reino Unido.

Os segundos queiman combustibles fósiles cun 95% de osíxeno puro no canto de o facer con aire. Iso dá lugar a un gas de saída con concentracións elevadas de CO2 (superiores ao 80%) que se pode condensar e comprimir para o seu transporte e almacenamento. Entre os proxectos deste tipo, aprobados pola Comisión, están os de Jaenschwalde, en Alemaña, e o de Compostilla, en España. Antes de que esta tecnoloxía sexa viable, cómpre superar algunhas dificuldades de importancia asociadas ao control da combustión e ao custo da produción de osíxeno

 A respecto dos proxectos de  postcombustión, onde o gas de saída adoita conter até un 14% de CO2, que é necesario separar, apóstase pola absorción química con aminas, como monoetanolamina (MEA), proceso utilizado na actualidade, en lugar dos procesos de captura por carbonatación, como o proposto polo Instituto Nacional do Carbón.

 jpg_captura.jpg

Centrais “listas para capturar”

Pero, para Ecologistas en Acción, o que é máis inaceptable é a aposta pola gran estafa das centrais “listas para capturar”, como os proxectos do Reino Unido, en Kingsnorth, Longannet, e Tilbury, proxectos que non formulan ningún procedemento de captura, mais que, como definiu no 2007 a Axencia Internacional da Enerxía, poderían incluír a captura do CO2 no intre no que se desen as condicións normativas e económicas adecuadas. Con esta opción tratarían de evitar riscos aos investidores e evitar así a paralisación da construción de novas centrais térmicas de carbón.

Quen apoian a captura, sosteñen que as centrais de carbón “listas para capturar” serán modificadas, aínda que Ecologistas en Acción considera que iso non é necesariamente certo. O factor chave para que, unha vez postas en marcha, se modifiquen, é que as opcións para a captura estean comercialmente dispoñibles a uns custos próximos aos previstos, xa que, mentres sexa máis económico comprar permisos de emisións de CO2, en lugar de reducir emisións, as melloras nas centrais eléctricas de carbón existentes simplemente non se efectuarán.

Máis información:

Web sobre alteracións climáticas de Ecologistas en Acción