fernando_blanco.jpgA Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forman parte Verdegaia e outras 15 asociacións de defensa ambiental,  considera a Blanco, conselleiro de Innovación e Industria, como o responsable da maior e mellor planificada agresión ambiental ao conxunto do país, representada pola adxudicación de 2.325 MW máis de enerxía a través da produción eólica.Tal concesión provocará danos irreversibles sobre o medio natural galego.

A FEG xa pedira a anulación da Orde do 6 de marzo de 2008 que regula a concesión dos novos parques eólicos adxudicados hoxe. Así mesmo a dita orde tamén foi recorrida pola FEG. Esperando que dito recurso prospere, a FEG anima ao conxunto da cidadanía a que inicie accións legais contra a resolución dos novos parques eólicos. Tal concesión provocará danos irreversibles sobre o medio ambiente galego: sobre os seus recursos naturais, a biodiversidade e a paisaxe. Os danos virán dados pola ocupación, na maior parte dos casos, de hábitats naturais.

Ademais a concesión de hoxe é de dubidosa legalidade pois deixa en papel mollado as seguintes Directivas e Leis:

– Directiva hábitats (Directiva do Consello 92/43 CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres).

– Directiva aves (Directiva 79/409 CEE do Consello, relativa á conservación das aves silvestres).

– Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

– Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

– Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Tódalas citadas directivas e leis serán de imposible cumprimento de seguir adiante a tramitación eólica. Cómpre mencionar, ademais, que segundo o Decreto 88/2007, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible está a elaborar os plans de conservación de determinadas especies ameazadas (entre eles o da Aguia real, o da Tartaraña e Gatafornela, Morcegos, etc.) que serán completamente inútiles con semellante desenvolvemento eólico polo que é preciso contar previamente con estes plans de conservación antes de tomar ningunha decisión máis sobre a instalación de centrais eólicas.

A FEG considera inadmisible que cando o BNG estaba na oposición criticara o plan eólico do PP e agora que está no goberno (e á fronte da Consellería de Industria) en vez de elaborar un plan sectorial eólico novo (cunha Avaliación Ambiental Estratéxica, tal como o demanda a lei), retome o antigo do PP para facer esta adxudicación para así saltarse tódalas garantías ambientais e a participación dos axentes sociais implicados (entre eles os ecoloxistas).

“Cantos de serea”  de Fernando Blanco e Anxo Quintana

As declaracións de Fernando Blanco e Anxo Quintana son “cantos de serea” que intentan ocultar a magnitude da desfeita das concesións, amais de agochar os intereses que terán que explicar ao conxunto da cidadanía galega.

Neste sentido dicir que as novas concesións eólicas non afectarán a espazos da Rede Natura 2000, equivale a dicir nada: isto é, as zonas da Rede Natura 2000 susceptibles de aproveitamento eólico na actualidade xa están afectadas por parques eólicos. En cambio dende a Consellería de Industria non din ren sobre os novos espazos que pasarán en breve a formar parte da Rede Natura 2000 (en proceso de ampliación a instancias da UE, por considerar esta que a rede actual é insuficiente, o 11 % do territorio, sendo Galicia a autonomía con menor porcentaxe do estado español, só por riba de Ceuta e Melilla). Así estes novos espazos están condenados a soportar a instalación de centrais eólicas, enganando ao conxunto do pobo galego (a este respecto a Consellería de Medio Ambiente e desenvolvemento Sostible terá que explicar tamén, como é posible que en catro anos non fose capaz de levar adiante a ampliación da Rede Natura 2000, tal como llo demandara a UE e tal como se comprometera o goberno galego do bipartito).

Con estas concesións a secuencia de feitos é a seguinte: 1. adxudícanse parques eólicos a empresas, 2. estas efectúan o estudio de impacto ambiental (EIA), 3. o EIA é presentado á Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible) e esta emite a Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

Así, as DIA terán que ser forzosamente en todos os casos favorables á instalación dos Parques Eólicos independentemente do seu impacto ambiental pois economicamente é inviable para a Xunta de Galicia paralizar a posteriori calquera proxecto eólico pois tería que indemnizar a empresa por dereitos adquiridos. En definitiva é facerlle unha ponte inadmisible á lei e un sucio truco que poñería contra as cordas a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible pois estaría coas mans atadas para cumprir, minimamente, cos seus cometidos.

A FEG vese obrigada a reiterar unha vez máis o seu apoio á produción de enerxía por medios renovables pero garantindo outros aspectos do medio ambiente galego, sendo ademais prioritario o aforro e a eficacia na política enerxética.

Máis información:

A ampliación do Plano Eólico de Galicia é ambientalmente inasumible e crítica