A FEG, da que fai parte Verdegaia, realizou o pasado Domingo 26, co gallo do Día da Terra, un acto reivindicativo na defensa do litoral. Foi en Silgar, Sanxenxo, e con el reclamouse unha xestión integral do litoral e a penalización fiscal das segundas residencias.

feg_silgar_09.jpg

O URBANISMO NO LITORAL: Unha desorde por ordenar

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) considera que o urbanismo galego, aínda herdando un modelo de dispersión, nunca sufriu unha desorde tan indiscriminada como nas últimas décadas. Isto xa é unha verdade incontestable, e compartida por todos os sectores implicados, incluso polos propios promotores urbanísticos.

Esta realidade foi motivo do último gran tirón de orellas que proporcionou o 26 de marzo ao Estado Español o Parlamento Europeo: o Informe AUKEN. Nel saen á luz algúns datos que denotan a o noso enganche económico á especulación da terra. Como exemplo podemos rescatar dous datos:

  • dos 4 millóns de novas edificacións construídas na UE, a metade foron levantadas no estado español.
  • na UE, cun crecemento de poboación dun 3,5%, a superficie urbanizada creceu un 13,8%, fronte ao 25,4 % en España cun 4,3 % de aumento en poboación.

Estes datos por si mesmos desvelan que o sector inmobiliario xa se desprendeu totalmente de toda a súa finalidade social e está mergullada nun negocio de rápidos beneficios para uns poucos, a costa do encarecemento da vivenda para todos.

Esta análise da desorde territorial e da especulación urbanística faise máis patente na franxa costeira. En Galicia, aínda que quizais en menor medida que nas zonas costeiras do levante español, non deixa de ser tremendamente preocupante que non sexamos capaces de aprender dos erros de outros, e polo contrario esteamos a copiar modelos de desenvolvemento urbanísticos fracasados e en desuso.

Esta ocupación indiscriminada da nosa costa está a ocasionar problemas de perda da riqueza paisaxística. Esta desorde á hora de asignar o lugar para as nosas casas e industrias estea a ocasionar unha xestión do gasto do solo, da enerxía e da auga moi estragador, á vez que se producen maior número de puntos de verteduras ilegais de augas residuais. Ademais a dispersión urbanística que se da na nosa costa non facilita a implantación dun sistema de transporte público cun mínimo de funcionalidade. Esta xestión tan pouco eficaz non fai máis que elevar o gasto público e o particular de todos nós.

Dende a perspectiva da FEG, o modelo urbanístico galego , e sobre todo da nosa costa, está lonxe de poderse chamar sostible, como así nos esixe o Parlamento Europeo.

A culpa está ben repartida:

É lóxico pensar que cando un problema se converte nunha cuestión grave, os culpables deben ser moitos. Podemos comezar pola base mirando á sociedade, onde cada vez se estende máis a idea de que ter unha finca é o mesmo que ter un solar. Pero sen dúbida esto non pasaría de non ser tan caro o metro cadrado de solo urbanizable, do que é responsable a administración e o sector inmobiliario, inmersos nun proceso especulativo ilícito. A todo esto se debe sumar o sistema de finanzamento dos Concellos, cada vez mais vinculada aos beneficios sacados da trata co terreo.

Un problema de prazos, sempre?

Á FEG parécelle moi positivo que alomenos sobre o papel a administración estatal e galega asuma a lexislación que a Unión Europea está a impulsar, apostando por un modelo urbanístico baseado no desenvolvemento sostible, onde o coidado da paisaxe, o bo uso dos recursos naturais e patrimoniais e velar pola calidade de vida dos cidadáns cobran importancia.

A lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobouse con esa vocación. Nesta lei púxose un prazo para que os Concellos puxeran ao día a súas políticas e normas urbanísticas aos novos aires que viñan dende Bruselas. Mais a pesares de que o prazo rematou en xaneiro de 2006, soamente 4 concellos costeiros fixeron os deberes. Este caos legal afoga nun desorde mais desordenado aínda o urbanismo, máis “alegal” e baixo o que se refuxia a besta especulativa.

Ademais nesta mesma lei se falaba da necesidade de elaborar un Plan de Ordenamento do Litoral, que tivera un rango legal maior que as normas locais de urbanismo. Mais este Plan a día de hoxe, e a pesar da importancia que ten para un país con máis dun milleiro de Km de costa, está vergoñentamente sen facer.

Desta situación de emerxencia saíu o 16 de maio a Lei de medidas urxentes do litoral, decretada pola Consellería de Política territorial, que declaraba a suspensión cautelar das obras urbanísticas que se fixeran na franxa dos 500m primeiros do litoral. Esta moratoria tiña unha data de caducidade de 2 anos, antes dos cales a Consellería debía aprobar o Plan de Ordenamento do Litoral e os Concellos debían elaborar ou adaptar os seus PXOMs á nova lexislación.

O próximo 17 de maio termina este prazo e unha vez máis o tempo se bota enriba e o traballo sen facer.

Non cabe dúbida que é un problema complexo, que precisa de consenso e de moito tempo para analizar e buscar solucións, pero para a FEG este xeito compulsivo de saltarse os prazos, sen que as explicacións non soen máis que a escusas, denota unha incapacidade de xestión do conxunto da nosa administración moi salientable. Semella que a lei da “vista gorda” e de “ir tirando” sae aínda impune e da mais recursos que cumprir as normas urbanísticas e ambientais. Así a destrucción da nosa costa segue avanzando, sen cumprir prazos.

Que queremos dende a FEG para o urbanismo litoral galego?

  • Unha xestión integral do litoral. Un proxecto ambicioso, pero preciso se se quere realizar políticas acertadas para todos, e non só para uns poucos. Moitos sectores están involucrados no uso da costa (mineiros, industriais, pesqueiros, turísticos, vivenda e infraestructuras, conservacionistas…). Un modelo de desenvolvemento sostible debe planificar estratexicamente estes usos e zonificar o terreo, seguindo uns criterios definidos e consensuados con eses sectores. O Plan de Ordenamento do Litoral sería unha boa ferramenta e un bo comezo para buscar solucións aos urbanismo salvaxe ou ao emprazamento irracional de grandes industrias no litoral que esta a causar graves perxuízos no noso ambiente, paisaxe, saúde e economía.
  • Penalizar fiscalmente as segundas residencias, na procura de que deixe de ser tan rendible a construción destas vivendas, maioritarias nas novas vivendas da franxa costeira galega.

NON TAPEMOS A COSTA. PROTECCIÓN DO LITORAL XA