Logo dunha década desde a aprobación do plano SOGAMA, os pobres resultados da reciclaxe, sumado aos sucesivos delitos ambientais e escándalos de corrupción ao redor da incineradora son argumentos suficientes para que o novo Plan galego de Xestión de Residuos Urbanos (PXRSU) 2007-2017 (agora en trámite) inclúa nos seus obxectivos o feche da planta de Cerceda. Aliás, a aplicación efectiva de medidas de redución deberá ser a prioridade no novo proceso.

Ante situación de crise que vive arestora a planta de SOGAMA, desde a Federación Ecoloxista Galega reclamamos que se actúe con todo o peso da lei contra os responsábeis dese caos de xestión (e posíbel corrupción1) e dos delitos ambientais xerados por ese caos. Asemade, o balanzo dos 8 anos de funcionamento da incineradora permítennos tirar unha serie de conclusións que a FEG reclama sexan consideradas no novo PXRSU:

  • A redución é a prioridade: cando a incineradora de SOGAMA entrou en funcionamento, a produción de lixo en Galiza era maior que a capacidade da planta; de non aplicar medidas de redución de residuos, calquer planta ou instalación de tratamento que se constrúa vai ficar superada polo incremento continuado na produción de lixo.

  • A descentralización é a prioridade: arestora a cidadanía galega asiste a un escándalo político e ambiental nunha empresa que xestiona o 80% do lixo galego. Isto fai imposíbel o feche inmediato de SOGAMA, ao carecer Galiza de ningunha outra planta que poida tratar todos eses residuos, co que durante anos temos que ser conscientes de que o lixo do 80% dos galegos vai poluir o ambiente. Nun sistema descentralizado e de pequenas plantas, os fluxos de residuos poderíanse desviar a outras instalacións cercanas no caso de fallo dalgunha das instalacións.

  • A incineración non vale: SOGAMA a penas recupera para a reciclaxe o 7% do lixo que trata2; alén disto, incinera na súa maior parte materia orgánica potencialmente compostábel. Antes da incineración, a materia orgánica ten que ser secada e preparada, isto fai que o rendemento enerxético da incineración sexa baixo, de xeito que a maior parte dos ingresos de SOGAMA3 (un 55.69% no ano 2007) sexa por cobrar o servizo de xestión de residuos; un servizo que, como se está a ver nos últimos meses, non é tan correcto como nos contaban.

  • O lixo non desaparece: un dos eixos publicitarios de SOGAMA era que grazas a esa planta desapareceron os vertedoiros (espazos degradados). Na realidade, o que sucedeu foi que se creou un macrovertedoiro nun lugar onde ninguén o vía. De terse apostado verdadeiramente pola reciclaxe, introducindo sistemas de recollida da materia orgánica, grande parte deses residuos terían sido convertidos en abono orgánico e novas materias primas para o sistema productivo.

Finalmente, a FEG quere lembrar que o lixo da maior parte dos/as galegos/as está a poluír o río Lengüelle, polo que cumpre un exercicio de corresponsabilidade da cidadanía. Os cidadáns e cidadás temos que reclamar a alcaldes e conselleiros que os nosos residuos sexan tratados adecuadamente, e o novo plan de residuos debe contar cos mecanismos de participación e control cidadán que permitan que non teñamos outra SOGAMA nunca máis.

Con compostaxe e redución está de máis a incineración!

1 Véxanse dictames do Consello de Contas de Galicia sobre a adxudicación irregular de contratas de SOGAMA a empresas do grupo FENOSA.

2 Dato tomado do borrador do Plan Galego de Xestión de RSU 2007-2017, Xunta de Galiza

3 Dato tomado da Memoria de Sostibilidade 2007 de SOGAMA, dispoñíbel no web da empresa.