Colaboración de Emilio Xosé Insua.

Sempre constitúe un motivo de ledicia para as persoas amantes da cultura que se descubran materiais inéditos ou perdidos da autoría de figuras do noso pasado, pois iso significa que se abre unha nova fiestra pola que abesullarmos a Historia e que se dispón dunha peza máis do puzzle sempre incompleto que é o noso entendemento dos tempos pretéritos. Se iso é así en termos xerais, canto maior non terá que ser o entusiasmo se a descuberta afecta nada máis e nada menos que a unha figura tan querida e emblemática como é a de Nicomedes Pastor Díaz Corvelle?

Os profesores da Universidade compostelá Damián Suárez Vázquez e Ramón Mariño Paz deron a coñecer no volume Papés d’emprenta condenada (II) (Consello da Cultura Galega, Santiago, 2012, pp. 455-460) uns fragmentos dun poema galego en estanzas que figura nas páxinas 11 e 12 dun códice manuscrito polo erudito e lexicógrafo pontevedrés Eugenio Reguera y Pardiñas (1806-1866), titulado Poesías. Autógrafos, hoxe conservado no Arquivo Histórico Nacional de Madrid (signatura 1052 B). Eses fragmentos (seis versos finais dunha estanza; outra completa de dezanove versos e unha terceira á que lle falta o cuarto verso, isto é, un total de 43 versos conservados) corresponden, sen sombra de dúbida, á autoría de Nicomedes Pastor Díaz. Son evidentísimas as similitudes coa súa “Alborada” e coa súa “Égloga. Belmiro e Benigno”: na métrica, na temática, no estilo, na lingua e, por se non fose suficiente, tamén na referencia explícita que se fai ás ribeiras do río Landrove como marco ambiental.

Na imaxe, o río Landro entre as parroquias de Miñotos e Xerdiz. Autor: Xosé Calvo.

A composición pode datarse cara ao 1826-1828, cando o seu autor contaba entre 15 e 17 anos e frecuentaba as aulas da Universidade compostelá, en pleno período histórico da chamada “década ominosa”. Daquela, a secuencia da súa produción literaria (enténdase, da hoxe por hoxe accesible e autentificada como súa) tería sido a seguinte: “El amor sin objeto” (1827, “escrita cuando el autor no contaba todavía diez y siete años”); o poema agora encontrado fragmentadamente; a “Égloga. Belmiro e Benigno” (ca. 1826-1828); “A Alborada” (11 de maio de 1828); “Mi color” (11 de decembro de 1828); “Al silencio. Oda” (7 de xaneiro de 1829); “La inmortalidad. Epístola a Genaro” (21 de abril de 1829); “En la muerte de un hermano niño” (26 de xuño de 1829); “A la Muerte” (1829) e “La Inocencia” (1930). Problemática resulta a datación do poema “Mi reclusión”, que non figurou na edición de 1840 e que tanto pode corresponder aos anos de estudante no seminario de Santa Catarina en Mondoñedo (entre 1821-1825, coa paréntese obrigada do curso 1823/24), como aos anos de fámulo na Fonseca santiaguesa. Os emblemáticos poemas, plenamente románticos, “A la Luna” (1832) e “La mariposa negra” (1834), terían sido escritos xa baixo ceos casteláns…

O fragmento conservado presenta unha temática moi querida aos poetas prerrománticos e románticos: o canto ao poder inconmensurable da Natureza e o contraste entre o natural (considerado puro, auténtico, fermoso) e o social (postizo, corrompido, deforme), ou, se o preferirmos, entre o campo e a cidade, en clara reminiscencia do “beatus ille” horaciano. A ambientación sitúase, como é habitual na obra poética do escritor viveirense, nas paisaxes nativas: as ribeiras do Landrove, o val florido, a mariña cantábrica …

Ao fío da descuberta que estamos comentando, aproveitaremos a ocasión para deixar desmentidas de vez as referencias incluídas en traballos sobre Pastor Díaz de autores como Waldo Álvarez Ínsua, o Padre José Mouriño ou, máis recentemente, o actual cronista oficial de Viveiro, á existencia dunha presunta composición en galego de Nicomedes Pastor Díaz perdida, que levaría por título “O paxaro d’a morte”. Esas referencias, repetidas acriticamente, son en realidade produto dunha confusión ou mala lectura dun parágrafo presente na obra de Leandro Saralegui Galicia y sus poetas (Ferrol, 1886, páx. 61), onde este alude a certas lendas populares galegas como base do argumento do relato de Pastor Díaz “Una cita”. Entre esas lendas figurarían as que fan recaer en determinadas aves o anuncio da inminente morte dunha persoa (as aves de mal agoiro: pegas, corvos…). O que Saralegui traía a colación para indicar a fonte popular do motivo de inspiración do escritor viveirense foi interpretado polos citados autores, non sabemos moi ben por qué, como o título dunha composición poética súa, en realidade absolutamente inexistente…

Finalmente, transcribimos con escrupuloso respecto ao orixinal reproducido polos arriba citados profesores Suárez Vázquez e Mariño Paz (agás na restitución pola nosas parte do -ñ- nas palabras mañaíña, mariña e miña, que aparecen caligrafados como mañaína, marina e mina no manuscrito), os versos dese fragmento de poema felizmente recuperado do ilustre escritor romántico de Viveiro, que axiganta así, aínda máis se cabe, a súa figura e relevancia dentro da nosa historia literaria e que nos permite constatar un achegamento proto-ecoloxista á Natureza xa nesa altura da Historia:

[………………………………………..

……………………………………….

………………………………………..]

sono mais que oprimido

rico señor que no sofá tendido,

non está tan contento

como eu estou sin ser tan opulento.

Alma naturaleza,

á min rico me fai túa grandeza!

Ti á ô famento dâs pan; ti dâs ventura,

á ô que ô mundo falaz fero lla nega,

ti enches ô nunca chéo peito humano;

ti ciñes con cadeas de verdura

dous amantes esposos nunha aldea

lazos de ferro no pueblo tirano,

e ti bruto inhumano

que oprimes crudo â dulce compañeira

vai do Landrove â beira,

e veras sempre os olivos frondosos

reverdecer na cama dos esposos…

Ti arrebatas a alma

do pensador que na profunda calma

do albor da mañaiña

sentado nun collado da mariña,

absorto mira e pampo

do Omnipotente ó carro sacrosanto

donde o ben se presenta

entre ouro e brancas pedras que sementa.

Ti no frorido campo ô enfermo sanas

á ô tempo mesmo que na ciudad morre

a forza de mexunxes de botica,

[…]

ti á ô desvalido próvida socorres

de frutos, frores e de todo rica,

ti da miña Marica

o peito encendes nun suave fogo,

ti o inocente xogo

á ôs pastores inventas, ti, ti sola

podras á son do ruído da marola

cantar os portentosos

milagros teus, mellor que os fastidiosos

toques da miña lira,

que debil oxe de placer suspira;

ti sola bastante eres

pra envolver nas túas gracias e placeres

a musica, a poesía,

as virtudes, a paz e a alegría.