A copa do mundo non é xogo, non é bonito. A copa do mundo non é dos pobos. A copa do mundo non é das favelas, nin das crianzas que xogan a fútbol nas favelas, nin dos mozos que visten camisolas de equipas das ligas europeas en calquera lugar de África. A copa do mundo non é das traballadoras e traballadores que elaboran a roupa deportiva. A copa do mundo non é das moradoras e moradores da favela expulsados pola especulación, pola construción das infraestruturas necesarias para os estadios, moradia encontro  comites popularespor viviren en zonas próximas a complexos turísticos, pola entrada dos tanques das Unidades da Policía Pacificadora. A copa do mundo non é de quen non ten nin os servizos máis básicos. A copa do mundo non é dos case 1000 obreiros mortos até maio deste ano nas obras relacionadas co mundial de Qatar 2022, segundo cifras da Confederación Internacional de Sindicatos. A copa do mundo non é das mulleres e nenas explotadas sexualmente no Brasil, que verán como aumenta a presión coa chegada de millóns de turistas do fútbol. Tampouco das mulleres que fan deporte e nunca son recoñecidas en igualdade. A copa do mundo non é das persoas sen terra, das culturas indíxenas, da natureza. A copa do mundo non é nosa.

A copa do mundo é dos grandes intereses do capitalismo global. A copa do mundo é das empresas construtoras que realizan as súas infraestruturas. É dos grandes medios de comunicación e das compañías multinacionais que os financian coa publicidade asociada a este evento. A copa do mundo é dos estados e os seus aparellos de goberno que aproveitan a ocasión para lavar trapos sucios, como fixera a ditadura de Videla no mundial do 1978. A copa do mundo é unha mostra máis da imposición global de modelos culturais únicos e do falso mito do éxito, de que un pobre pode redimirse con esforzo e un balón de fútbol e que a redención dos pobres é ese éxito e o diñeiro acumulado e saír na televisión e un coche de luxo. A mística do capitalismo feito deporte é a copa do mundo. A copa do mundo non é nosa.

A copa de mundo non é xogo, non é bonita. Está podre pero ben presentada. Vannos encher coas súas imaxes. Van enchernos porque hai moito que tapar, sempre hai moito que tapar, e moito que gañar, sempre hai moito que gañar. Van distraer a atención e no truco o diñeiro vai fluír dende calquera lugar do planeta cara os de arriba, ascender ao paraíso fiscal das elites. Así é sempre como o traballo de tantas devén beneficio de tan poucos. Así, deste modo hai todo isto que conforma este tipo de sistema político e económico, que precisa das persoas como un carro precisa das rodas: para estaren abaixo e xirar, xirar, xirar…

Unha soa pinga nesta corrente, os máis de 700.000 euros que cada xogador da selección española podería ingresar en primas de gañaren o mundial. Cartos e gloria para novos mitos nacionais hispánicos. O fútbol tamén saca pasear bandeiras españolas e facilita sucesións dinásticas. A copa do mundo é dos monarcas e das bandeiras, non dos millóns de persoas baixo o limiar da pobreza neste Estado. A copa do mundo é da Coca-Cola, non das persoas despedidas pola Coca-Cola.

Toda esta confusión, toda esta chamada ás emocións a nivel planetario e himnos e traxes e retransmisións e comisións e xustificacións das comisións e palcos e policías e para que? Ese é o contido da copa do mundo detrás da escena, detrás das luces, debaixo da herba, dentro dos vestiarios, baixo os estadios, na letra miúda dos contratos, nas apertas das tribunas e dentro dos maletíns, tras das gafas de sol ou nos discursos oficiais, na cerimonia inaugural e nos actos de clausura e o día seguinte do día seguinte. A copa do mundo é un cáliz de diñeiro e sangue. A copa do mundo non é nosa.

Pero debaixo do que está debaixo, as voces dos pobos non só fan de coro ao circo, tamén piden pan. Debaixo do que está debaixo hai mulleres nas favelas, crianzas que xogan entre os cascallos, traballadoras e traballadores cosendo roupa deportiva, obreiros-escravos en Qatar, hai o Movimento dos Sem Terra e a xente a marchar nas rúas. Debaixo do que está debaixo, por riba da pólvora da policía e do estrondo mediático, hai corpos e palabras que loitan por vivir e seren escoitadas, hai voces rebeldes a falar na lingua da dignidade, hai loita pola vida antes, hoxe e o día seguinte do día seguinte. Debaixo da copa do mundo está o mundo, ese mundo que si é o noso.