Galiza está a sofrer unha paulatina degradación no seu entorno costeiro provocando un grave impacto  no delicado equilibrio ecolóxico das rías. Ao longo da costa vemos como cada vez máis se extende a destrucción: recheos, portos deportivos, paseos marítimos, piscifactorías, zonas residenciais, ao tempo que a contaminación no mar se vai incrementando de xeito exponencial a consecuencia de verquidos de todo tipo. O resultado é a desnaturalización e posterior destrucción do litoral. A paisaxe litoral transfórmase afectando á conservación da biodiversidade mariña e acelerando os procesos de desnaturalización. O territorio costeiro contamínase moi por riba da capacidade que ten de carga e o resultado é que cada vez temos máis lonxe a preservación dun dos nosos principais recursos naturais, a Ría.

Cando falamos de contaminación, debemos falar da ausencia de depuradoras en varios concellos da Ría; mal funcionamento das EDAR existentes, como exemplo a depuradora do Lagares; ausencia de rede separativa de augas residuais urbanas e augas pluviais particularmente no concello de Vigo; ausencia de tratamento de augas industriais tanto nas empresas da zona como nas propias EDARs urbanas, verteduras directas de augas residuais domésticas e industriais e a constante construcción e modificación artificial da costa que están producindo un grave dano ao facer que as rías cada vez máis perdan a súa capacidade de autodepuración e polo tanto de vida.

 

Desde a Administración non quixeron dar a importancia e seriedade que merece un problema tan grande como este. No caso de non tomarnos en serio a problemática da contaminación na ría de Vigo o resultado será unha ría empobrecida, perderemos unha das nosas maiores riquezas a nivel ambiental e tamén unha fonte importante de riqueza primaria xa que unha cloaca non cría vida. As perdas nos nosos sectores productivos tradicionais como son o marisqueo ou a pesca de baixura faranse notar cada vez máis ata que chegue o momento de que Europa prohíba toda a exportación das nosas rías por que non cumple os límites mínimos dos parámetros de calidade esixidos o que suporá o desmantelamento dese sector productivo.

De forma masiva e incontrolada, vértense á Ría as augas residuais industriais directa, ilegal e, na maior parte dos casos, sen caracterización da vertedura nen tratamento previo contrastado. Na cidade de Vigo moitas industrias, que non contan cun sistema de depuración previa para augas residuais, están conectadas á rede de saneamento. Outras verten directamente ao río Lagares para que as súas augas industriais saian sen depurar directamente á Ría polo emisario submariño. Incúmprese conscientemente a Ordenanza Municipal de Verteduras e o principio que prohíbe trasladar a contaminación dun medio a outro.  Se temos tamén en conta que a depuradora do Lagares carece dun sistema de tratamento para augas industriais, entenderemos que toda esa carga contaminante acaba na Ría ao que lle hai que sumar tamén a interferencia dos contaminantes industriais nos procesos biolóxicos.

O concello de Vigo desde polo menos o ano 1994, estaba obrigado a someter ao proceso de autorización de vertedura (isto é caracterización, declaración previa de verteduras e adaptación a máximos en determinadas substancias contaminantes) a toda canta industria estivese daquela conectada ou se quixese conectar á rede de saneamento. Isto é o que dispón a “Ordenanza Municipal Reguladora de Verteduras non domésticas de augas residuais”, aprobada polo Pleno do concello de 26/05/1994 (Boletín Oficial da Provincia de 18/10/1994), actualmente en vigor e sistemática, irresponsable e conscientemente incumprida. Este mesmo proceso é obrigado para todos os concellos do marxe da ría.

En Vigo, no ano 2006 detectáronse 24 industrias que arroxaban residuos industriais de forma continuada. No 2007 unha inspección no Lagares detectou  que 16 empresas do polígono do Caramuxo non tiñan nen ideia de onde verquían as súas augas xa que previamente as verquían a unha fosa séptica que nesa altura fora clausurada [Vigoblog,2010]. A finais do 2007 encargouse un traballo de campo a augas de Galiza sobre a totalidade da ría: Na marxe norte da ría (Cangas, Moaña, Vilaboa e Pontevedra) e se atoparon con 95 verteduras das que 43 tiñan carga de contaminantes industriais. Na zona sur da ría (Nigrán, Vigo, Redondela e Soutomaior)  os pontos detectados de evacuación foron 164. No ano 2008 a Consellería de Medio Ambiente falaba de 259 focos de emisión en oito municipios (Cangas, Moaña, Vilaboa,Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Vigo e Nigrán), dos que 56 focos foron catalogados como graves.

De xeito masivo estamos a verquer á ría as augas residuais de toda a industria ubicada nos concellos do marxe da ría e, na maior parte dos casos, sen caracterización de vertido nen tratamento previo contrastado. Contaminantes químicos verquidos por empresas á rede sen control, como pinturas, taladrinas, fosfatos, metais pesados,… Presencia de contaminantes nos sedimentos mariños, baixa taxa de osíxeno dispoñible en augas, incremento progresivo do carbono orgánico total, dióxido de nitróxeno, nitratos, fosfatos, etc..

Non é de extrañar que a análise de lodos da depuradora e das augas da ría dea altas concentracións de meteais pesados como chumbo, zinc, niquel, mercurio, cadmio entre outros.

O nivel de chumbo que conteñen os fondos da ría multiplicouse por 1300 nos últimos 50 anos. Nun traballo da Universidade de Vigo realizado nos sedimentos que circundan a illa de San Simón mediuse a evolución dos índices de metais pesados en diferentes cuotas de profundidade da Enseada, ata chegar a sedimentos con 6000 anos de antigüedade e a conclusión que se chegou é que a industrialización da ría ten disparado a niveis moi perigosos a concentración de sustancias potencialmente tóxicas.  O caso máis extremo é o do chumbo, no que en zonas se detectou que pasou de 50 mg/g antes do desenvolvemento industrial a 65.000mg/g.  Noutras medicións os niveis foron menores pero tamén preocupantes (600mg/g). Esta investigación mostra tamén a presencia crecente nos fondos da ría de outros metais pesados  como arsénico, cromo, cobre, cadmio ou zinc.  [Paula Álvarez- Universidade de Vigo-ano 2006].

Fálase de que na ensenada de San Simón a contaminación ten a súa principal orixe na fábrica de vidro e cerámica que había en Arcade (hoxe en día fechada) e tamén da importancia dos gases emitidos polos tubos de escape dos coches que pasan pola ponte de Rande e pola estrada. Non debemos esquecer tampouco o efecto acumulativo de metais pesados por parte dos mexilóns cultivados en bateas e a súa  posterior diseminación, transporte e sedimentación na ensenada

Na actualidade, un estudo realizado polo CSIC revelou que a contaminación por chumbo que ata o de agora tíñamos reducida  aos fondos da Ensenada de San Simón estase a extender por toda a ría de Vigo e que o transporte deste metal é maior coa marea e co caudal do Oitavén. Este mesmo estudo constata que a ría de Vigo ten a concentración de chumbo máis alta de Galiza e multiplica por tres a concentración de chumbo que ten a ría de Ferrol, considerada unha das zonas con maior concentración de metais pesados[Revista Scientia Marina, CSIC, Vigo 2011].

Ante esta información, o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández opina que isto é un problema pontual nesa zona e que non consta que exista nengún tipo de problema en relación coa producción marisqueira[EFE , xullo de 2011].

A realidade é que esta situación é coñecida desde fai décadas e ten sido denunciada ao longo do tempo por diversos colectivos ecoloxistas e sociais sen que a administración local, autonómica ou estatal fixese caso.  Isto é un máis dos síntomas de abandono, inoperancia e ineptitude con respecto á situación ambiental das nosas rías. É preciso pór en marcha urxentemente un plan exhaustivo de verquidos tanto a nivel privado como público e un plan de recuperación de sustratos degradados.

As normas de saúde ambiental aplicabeis ás sustancias químicas pódense formular en termos de concentracións en compoñentes ambientais (ar, auga, alimentos, solo) e en cantidade de concentración que pode ser absorbida polo organismo. Estas concentracións deben ser o suficientemente baixas para non acadar a dose umbral que faría que a poboación estexa suxeita a un risco inaceptable[OMS,1980]. Un dos graves problemas que presentan é a mortandade directa da maioría dos organismos mariños. Os metais traza son as principais fontes de problemas de toxicidade posto que os organismos vivos non son capaces de se adaptar  cando os topamos en altas concentracións no meio. A presencia de niveis excesivos de metais (independentemente dos criados por procesos xeolóxicos naturais) é debida ao home: queima de combustibeis foseis; verquidos de residuos industrias, agrícolas e urbanos; aplicación de praguicidas (están entre os principais contaminantes tanto do meio ambiente como da cadea trófica),etc.

Os metais pesados acumúlanse e permanecen no fondo mariño durante séculos o que cría un grave problema de contaminación. As interaccións dos productos químicos cos sistemas biolóxicos provocan un risco tanto para os ecosistemas como para o ser humano. De todos é coñecido que entre os metais pesados máis importantes, en termos de perigosidade ou posible perigosidade, están o mercurio, chumbo, cadmio, estaño e zinc. As sais solubeis en auga dos metais pesados (como é o caso do chumbo, cadmio e mercurio) son moi tóxicas e acumulabeis polos organismos que as absorben o que fai que sexan fonte de contaminación das cadeas alimentarias ao ser inxeridos por algún dos seus eslabóns.

Cando falamos de mercurio aínda temos na cabeza os verquidos de augas residuais procedentes dunha industria química na bahía de Minamata que provocou a intoxicación por metil-mercurio da poboación polo que faleceron 115 persoas e outras muitas quedaron paralíticas. Os peixes tenden a acumular mercurio no seu organismo. O atún ou o peixe espada poden acumular concentracións de mercurio 3000 veces superiores á da auga na que viven. Casos coñecidos foron o de Irak no ano 1972 (200 mortos) no que se empregaron sementes tratadas con mercurio na fabricación do pan. No caso dos derivados do mercurio, os seus efectos tamén se fan sentir nas nosas rías e debido ao lento proceso de renovación das augas os perigos son maiores.

O chumbo rara vez se atopa no seu estado elemental, aparece en gran variedade de compostos  e minerais como a galena (sulfuro de chumbo), a anglosita (sulfato de chumbo), a cerusita (carbonato de chumbo),  silicatos, azuro de chumbo, PZTs, etc. Grande parte se obtén por reciclado de chatarras como placas de baterías e das escorias industriais, recubrimentos de cableado,… Todos os compostos de chumbo son tóxicos en diferente grao, dependendo da súa natureza química e grao de solubilidade de cada composto, os máis tóxicos son os compostos orgánicos.  O  seu uso é máis común do que muitas veces adoitamos pensar: industria de pinturas navais co fin de inhibir a incrustación nos cascos (aínda que hoxe en día tenden a eliminarse as pinturas con base de chumbo), pesticidas, cableado, fundicións, fabricación de espuma de poliuretano, vidro e porcelana, industria do automóbil, aditivo en fuel (a  gasolina con chumbo hoxe en día maioritariamente sustituída), fabricación de pantallas de TV e computadores, actividades mineiras, etc. Non debemos deixar de mencionar outra fonte de entrada na fauna acuática que é a inxestión de contrapesos das artes de pesca.

Os verquidos deste metal (das súas sales solubeis), como en xeral de todos,  contaminan as augas e acumúlanse nos lodos. A contaminación por chumbo tamén afecta ao solo que logo pode pasar á planta (limita a síntese clorofílica das plantas) e producir procesos de contaminación na cadea trófica. Nos animais normalmente entra por inhalación ou inxestión. O chumbo é un dos catro metais que teñen un maior efecto dañino sobre a saúde humana, o maior problema que presenta é o de acumulación xa que a excreción é moi lenta. Moitos dos compostos orgánicos do chumbo presentan unha solubilidade moi baixa e non resultan facilmente absorbibles polos organismos vivos pero os compostos solubles si que son facilmente asimilados. O chumbo acumúlase nos corpos dos organismos acuáticos e organismos do solo, os efectos sobre a saúde destes pode darse incluso cando somente hai presentes concentracións moi pequenas. As funcións do fitoplacton tamén poden verse afectadas e, debemos ter en conta que o fitoplacton é unha fonte importante de osíxeno nos mares e serven de alimento a moitos animais mariños. Nos peixes orixina a formación dunha película coagulante que lles provoca alteracións hematolóxicas amáis de que o acúmulo de metais pesados nos seus tecidos acaba pasando á cadea trófica. Mariscos e moluscos vanse cargando de contaminantes e, ao estar as augas xa con altos niveis de contaminacion, perden a capacidade de autodepuración. Os moluscos ao ser filtradores absorben no seu interior toda a carga de contaminantes que teñen as augas da ría e é moi dificil depuralos.

A pesares de que a Conselleira do Mar está a falar de chegar a un acordo coas confrarías (agora parece que dan marcha atrás) para transportar a unha zona de Lugo o marisco das zonas C (zonas onde están ubicados os bancos marisqueiros cun grao de contaminación moi alta como Lourizán) para poder descontaminalo e sacalo ao mercado con todas as garantías e a pesares de que fala de que en tres ou catro días o marisco fica totalmente descontaminado. Isto non é como nolo pintan. A prensa e os políticos están a bombardearnos con informacións contradictorias sen explicar que este tipo de depuración natural é para a contaminación microbiolóxica non para a contaminación química por metais pesados.

En Australia (Esperance, zona oeste), a presencia de altas concentracións de chumbo que se atopou no peixe fixo que se advertise á xente desa zona que evitasen o consumo dalgúns peixes e mariscos. Segundo o Dr Dunlop (Consello para a Conservasción de Australia Occidental) o carbonato de chumbo está sendo absorbido polos animais mariños e representa un perigo importante de toxicidade para a poboación. Esta zona xa fora investigada hai algo de tempo e se toparan cantidades importantes deste composto na zona do porto, esa contaminación foise extendendo nas augas e hoxe aparece nos peixes e mariscos.

Un estudo realizdo por investigadores da Universidade de Valencia sobre as nosas rías, sobre todo en Malpica e Vigo conclúe que a contaminación tamén afecta aos parásitos presentes nos peixes. O estudo comezou no ano 2000 (antes do verquido do Prestixe en novembro do 2002)  A raíz da contaminación provocada polo Prestixe  detectáronse un incremento dos ectoparásitos  (parásitos externos que afectan á fauna mariña), sen embargo a longo prazo, ese estudo demostrou que a contaminación tamén producía un aumento dos endoparásitos (parásitos internos como o Anisakis sp. que afecta ao Lirio entre outras especies presentes nas nosas costas).

En canto á contaminación microbiolóxica na Ría, hai presencia de Enterobacterias e virus,  Taxas de 200 ufc/L. de Coliformes Totais, Taxa de 120 ufc/L. de E. coli,

Taxa de 60 ufc/L. de Enterococos, detección habitual de presencia de Salmonella sp. e Vibrio parahaemolyticus en augas cercanas a núcleos de poboación e emisarios ETARs.

A deficiente depuración das augas residuais urbanas na Ría de Vigo, provocou unha condea da UE en decembro do 2005, en virtude do artigo 5 da directiva  79/923/CEE, de 30 de outubro de 1979 relativa á calidade esixida nas augas para a cría de moluscos. A finais do 2007 o Consello de Comisarios da Unión Europea decidiu arquivar o procedemento aberto xa que a Consellería de M.A. presentou un plan de actuación no que se comprometía a que a zona estaría saneada no 2011. Este plan prevé a construcción dunha nova depuradora (Anteproxecto de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares en Vigo)  que recollía que estaría finalizada no 2011, data na que as augas deberían cumplir os niveis de calidade establecidos pola lexislación europea.

En abril de 2011 O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, trala denuncia presentada pola Comisión Europea, condenou ao Estado Español por incumprimento da directiva de depuración de augas residuais. Entre as ciudades que incumpren esta directiva está Vigo. En concreto a sentencia condena a falta dun sistema de tratamento secundario ou proceso equivalente en aglomeracións superiores a 15000 habitantes , o prazo para adaptarse á citada directiva finalizou o 31 de decembro de 2001.

Un dos maiores problemas vén da depuradora do Lagares. A  actual depuradora que foi inaugurada en 1997 (cun custe de 30 millóns de euros) non foi quen de solucionar os problemas de contaminación da ría. Este novo proxecto no Lagares pasa por construír unha nova depuradora (no mesmo sitio e cos mesmos erros que a actual) e derrubar a existente, é resultado dunha decisión política oportunista (plasmada nun anteproxecto e declaración de impacto ambiental interesados, parciais e tendenciosos co fin de xustificar tal decisión) que deixa de lado afrontar o problema do saneamento das augas residuais de xeito serio e riguroso.

No anteproxecto non se determinan alternativas reais ao sistema actual de saneamento, somente xustifica o seu emprazamento no mesmo lugar e somente 12 anos despois e cun custe engadido de 238 millóns de euros. Despois de non querer escoitar as voces que vimos denunciando a mala xestión do saneamento na ría de Vigo, o mal funcionamento da actual EDAR, o ilóxico e irracional da súa ubicación, cáese no mesmo erro que no pasado construíndo unha nova coas mesmas deficiencias que ameaza cun grave desastre ambiental de carácter irreversible ao persistir en manter os problemas da depuradora actual. No estudo de impacto ambiental, omitíronse datos, manipulouse a realidade e todo coa finalidade de xustificar un sistema que estaba aprobado de antemán.

No seu momento, certos elementos da administración viguesa como Jesús Torrón (ano 2006) director do laboratorio municipal e xefe do servicio municipal de medio ambiente e sanidade e encargado de controlar os verquidos á rede de saneamento dixo que “non hai que se preocupar que a depuradora somente verque cando chove e que cando chove a xente non se baña ou que a capacidade da auga para mellorar a súa calidade é moi rápida”.

Nen na actual depuradora, ubicada nunha das zonas que deberia ser de obrigada protección nas rías baixas pola súa importancia ambiental -natural e patrimonial- “a Xunqueira do Lagares”, nen na que está en proxecto e que se vai comezar a construír en breve, existe unha rede separativa de pluviais e domésticas. O mesmo colector recolle tanto as augas residuais urbanas como as augas procedentes da choiva xunto con aquelas procedentes de verteduras da diferentes industrias da cidade. Segundo estudos realizados polos propios técnicos da Xunta, no Lagares sempre se superaron os límites legais de verquido, no 100% das ocasións. É unha depuradora de tratamento biolóxico deseñada para tratar augas residuais urbanas e non está deseñada para tratar augas residuais industriais que precisarían outro tipo de tratamento.

Tendo isto presente e tendo presente tamén que unha grande parte das empresas no Concello de Vigo están (como se dixo anteriormente) unidas á rede de saneamento sen tratamento previo (o resto verque directamente), podemos ver con claridade que toda esa carga contaminante acaba directamente na Ría e podemos entón decatarnos da magnitude da catástrofe ecolóxica. A isto sumar tamén que a interferencia dos contaminantes industriais nos procesos biolóxicos de depuración e co exceso de orgánicos axudan ao mal funcionamento desta. A diferencia entre a nova e a vella depuradora e que esta terá capacidade para depurar unha maior cantidade de auga. Simplesmente iso, os problemas da anterior seguirán presentes.

Este novo macroproxecto de depuradora significa a destrución total da marisma e por suposto, a comisión con pleno coñecemento de causa de infraccións graves contra a Lei de Costas e contra o Regulamento de Actividades Clasificadas, así como os delitos tipificados no Código Penal contra a ordenación do territorio.

A administración non quere valorar a posibilidade (ampárase en criterios económicos) dunha rede de sumidoiros separativos, que permitan a recollida e aproveitamento das augas pluviais, non se valora tampouco a reutilización das augas para a rega, limpeza de rúas ou augas de proceso na industria e o emprego de técnicas depurativas que permitan aproveitar os subproductos xerados no proceso de depuración (lodos, biogás,…)

Precísase un estudo serio e integral do saneamento na Ría de Vigo, evitando construir unha carísima e impactante segunda depuradora. Hai que buscar un sistema de depuradoras eficaces no que se repartan poboacións, pequenas depuradoras (que cumplan estrictamente coas normas actuais de reutilización de augas depuradas) e que vertan pola boca norte da Ría por fóra das Illas Cies e en profundidade, que se unha delas non funcionase por avaría, poderíase suplir co funcionamento das outras.  Se os emisarios verquen na cara sur da ría as augas emitidas, depuradas ou sen depurar, son levadas polas correntes no sentido contrario das agullas do reloxo ata o fondo da ría, onde o período de residencia é moi elevado. Debemos enfrontar o problema desde unha perspectiva global, cunha visión de conxunto e non concello a concello. De inmediato debe realizarse un censo de verquidos industriais á rede de saneamento e a conseguinte caracterización do tipo de verquidos. É preciso o control e supervisión de tódalas conexións das industrias á rede.  Deben pararse  todo tipo de ampliacións do espazo portuario e tomar como prioridade a defensa da ría.

Outro dos graves problemas que afecta á nosa ría son os recheos. Muitos dos fangos que forman os fondos da ría formáronse con materiais provintes dos recheos. Parte dos elementos contaminantes son depositados nestes fangos mariños e voltan liberarse na auga cando estes son removidos. Non hai necesidade de seguir roubando terreo ao mar. A maioría do terreo portuario está infrautilizado, non se precisa máis espazo portuario senón organizar ben o que hai, somente hai que trasladar as actividades non portuarias a outras zonas e aproveitar axeitadamente os terreos segundo un plan racional de usos. Non podemos permitir que o porto se convirta nun polígono industrial de empresas que nada teñen que ver co mar ou que aínda que teñan que ver con este non precisan estar ubicadas en primeira liña de costa.

Aterro tras aterro fomos quen de modificar a liña de costa provocando importantes mudanzas nas correntes mariñas e a alteración da dinámica sedimentolóxica, que fai que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e que se acumulen noutras novas (áreas de neoformación). A ría cada vez se estreit