Verdegaia denuncia que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente autorizou neste ano a pesca do sábalo (Alosa alosa) a pesar de estar incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) como especie vulnerable. Desta forma, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza non respectou o Catálogo que ela mesma aprobou, o que constitúe certamente un feito moi grave. Verdegaia defende que a conservación das especies e poboacións de peixes fluviais ameazadas non se supedite aos intereses da pesca fluvial. Esta é unha das propostas que presentou para o Plano de Ordenamento dos Recursos Piscícolas das augas continentais que está a elaborar a Consellaría de Medio Ambiente. 

A autorización da pesca do sábalo supón que a Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas incumpriu unha norma aprobada pola Dirección Xeral da que forma parte. Tan lamentable como este feito é que a Consellaría de Medio Ambiente non incluíse o salmón (Salmo salar) -nin tan sequera as poboacións máis ameazadas- e a saboga (Alosa fallax) no CGEA, que entrou en vigor en maio de 2007. Permitir que especies de peixes ameazadas de extinción poidan ser obxecto de pesca é froito de antepor os desexos do colectivo de pescadores -que só representa o 3% da poboación galega – á conservación da biodiversidade.

Verdegaia considera que a mellora do estado de conservación dos peixes e do resto da fauna das augas continentais pasa por evitar a pesca fluvial excesiva, por mellorar os hábitats e por controlar as especies exóticas invasoras. A proposta de Plano de Ordenamento dos Recursos Piscícolas e Ecosistemas Acuáticos Continentais practicamente só aborda a cuestión da xestión da pesca fluvial e faino ademais con carencias. Por outro lado, a proposta de Plano carece de orzamento e dun calendario para o seu desenvolvemento, o que fai pensar que, en grande medida, é unha declaración de intencións.

Para facer que a pesca fluvial sexa compatible coa conservación da natureza, e alén de non permitir a captura de especies, subespecies ou poboacións de peixes ameazadas de extinción, Verdegaia é partidaria, entre outras cousas, de non crear máis coutos intensivos de pesca, de non aproveitar canteiras e graveiras en desuso para fomentar a pesca de peixes exóticos, de esixir o exame do pescador para obter a licenza de pesca -en aplicación do Regulamento de Pesca Fluvial de Galicia vixente- ou de mellorar sustancialmente a transparencia e a participación social na xestión da pesca fluvial.

Verdegaia apoia medidas incluídas xa no Plano, como as accións destinadas ao aumento da accesibilidade para os peixes migradores, a elaboración de planos de ordenamento dos recursos piscícolas por concas ou subconcas, a creación de novos acoutados de pesca sen morte ou a adecuación dos medios da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que poida desenvolver unha xestión da pesca fluvial sustentable.

pdf Alegacións ao Plano Galego de Ordenación de recursos Piscícolas

Notas:

O sábalo (Alosa alosa) foi incluído no Catálogo de Especies Ameazadas como especie vulnerable (http://medioambiente.xunta.es/espazosNaturais/detalleespeciecat.jsp?ID_ESPECIE=211&ID_CATEGORIA=11). Malia estar prohibida a súa captura, a propia Dirección Xeral de Conservación da Natureza permitiu a súa pesca na Orde do 22 febreiro de 2008 pola que se

establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2008. http://www.siam-cma.org/lexislacion/doc.asp?id=3469. O artigo 5º desta orde estabelece as Normas para a pesca do sábalo, permitindo a súa pesca nun tramo do río Ulla.