Verdegaia quere amosar publicamente o seu mal-estar coa Consellaría de Medio Ambiente, así como a preocupación pola política de boicote que desde esta institución se está a desenvolver contra o movimento ecoloxista galego. A lexislatura que toca ao seu fin, anunciada como un período de mudanza (a mellor) foi en realidade a dunha oportunidade perdida de facer as cousas doutro modo, tanto en canto a políticas ambientais como no que fai respeito a participación cidadá. A Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible non foi unha excepción.

En momentos de crise ecolóxica global como os que estamos a vivir, e estándose a elaborar e aprobar políticas chave para a construción ou non dunha Galiza ecoloxicamente sustentábel, o goberno galego aposta pola destrución ambiental e o non diálogo coas organizacións ecoloxistas. Un claro exemplo desta atitude irresponsábel témolo no conselleiro Manuel Vázquez.

A Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvimento Sostible leva máis de tres anos a enredar con algunhas organizacións ecoloxistas (convocándoas a xuntanzas urxentes con ordes do día imposíbeis de cumprir, non dando información clara… xogando á confusión e o despiste) e ignorando, ao mesmo tempo, a outras entidades (organizacións locais, colectivos de afectados…). Esta situación levou a varias organizacións ambientais a se “plantar” e exixir á Consellaría unha política clara, sincera e transparente de interlocución con organizacións e participación cidadá. 4 de Xullo foi a data fixada pola Consellaría para a última xuntanza, suspendida por ela no último momento. Non houbo máis novas.

O último capítulo na estratexia de boicote por parte de Manuel Vázquez contra o movimento ecoloxista ten a ver coa convocatoria de subvencións da Consellaría de Medio Ambiente. Unha extraña convocatoria con surprendentes criterios que non teñen absolutamente nada a ver nen cos de anos anteriores nen cos de, por exemplo, o Ministerio de Medio Ambiente. Unha convocatoria de subvencións precedida da caprichosa criazón dun novo rexistro de entidades ambientais no que é preciso estar dado de alta antes da data da convocatoria de subvencións para o aceso a estas.

A resolución desta convocatoria de subvencións non deixa de ser igualmente surprendente: unha federación recén nascida e as igulamente recén nascidas asociacións que a integran (completamente descoñecidas no movimento ecoloxista galego) receben unha chuvia torrencial de diñeiro público.

Verdegaia non pode evitar se perguntar se non estaremos perante un caso de intento de construción desde arriba e desde fóra dun “movimento ambiental” ao gosto da Consellaría de Medio Ambiente que dea os seus parabéns a todo o que esta faga e mesmo reste presenza social a entidades máis “incómodas”.

A Xunta de Galiza, e a súa Consellaría de Medio Ambiente, deberían estar á altura das circunstancias. En tempos de crise ecolóxica global como os que vivimos o goberno galego debería pór a sustentabilidade ambiental e a xustiza social no centro das súas políticas, dialogar coas organizacións ambientais e promover a participación cidadá.

Ollar para outro lado, silenciar voces críticas, ignorar movimentos sociais e criar interlocutores a medida non vai facer desaparecer os problemas ambientais e sociais, ao contrario: tornaráos máis graves e difíceis de solucionar.