lumeVerdegaia considera que a catástrofe incendiaria que sufriu Galicia na primeira quincena de agosto segue sen aclararse despois das comparecencias parlamentarias do conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e do presidente da Xunta, Emilio P. Touriño. Verdegaia insiste en demandar a máxima transparencia da Xunta. Ademais, solicitou ao Valedor do Pobo que abra unha investigación.

Verdegaia considera que a catástrofe incendiaria que sufriu Galicia na primeira quincena de agosto segue sen aclararse despois das comparecencias parlamentarias do conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e do presidente da Xunta, Emilio P. Touriño.

Verdegaia insiste en demandar a máxima transparencia da Xunta. Ademais, solicitou ao Valedor do Pobo que abra unha investigación. Verdegaia solicitou ao Valedor do Pobo que abra unha investigación sobre a resposta de Xunta e Concellos fronte aos lumes e pide que se cree unha comisión de traballo permanente sobre os incendios no seo dun Consello Forestal renovado.

Nun documento con comentarios ao informe da Consellería do Medio Rural sobre a vaga de lumes de agosto, Verdegaia pon de manifesto que se segue sen ofrecer información relevante para entender o que pasou durante a vaga. A Consellería do Medio Rural está a ser pouco convincente na súa pretensión de demostrar “a direccionalidade dos lumes”, “coa intención de facer dano e de converter rapidamente os incendios en problemas de orden público e de seguridade cidadá”. Hoxe por hoxe, a tese do ataque masivo e terrorista parece ter moito máis de coartada para evadir responsabilidades que de feito comprobado. O único claro até hoxe é que nunca ardeu tanto monte no noso país en tan pouco tempo.

A vaga de lumes foi intensa pero menos excepcional do que demostra a Xunta. Por exemplo, na primeira quincena de agosto de 1998 houbo máis lumes que neste ano, tanto no conxunto do país (2.374 fronte a 2.055), como na provincia de Pontevedra (825 fronte a 641). Por outro lado, a suposta direccionalidade dos lumes segue sen se probar, nin cos resultados da investigación das causas e das motivacións dos incendiarios, nin coa descrición das características dos lumes.

Canto ao dispositivo de extinción, a autocompracencia da Consellería do Medio Rural choca co feito de se ter disparado durante a vaga o número de hectáreas queimadas por lume, até 39,4 hectáreas por incendios, e de ter habido 37 lumes de máis de 500 hectáreas, case tantos coma en todo o período 1991-2004. Alén de ocultar información sobre os grandes lumes, a Consellería segue sen indicar nin o tempo de resposta aos lumes durante a vaga nin o tempo de combate.

Verdegaia, alén dunha nova política de montes, volve reclamar a máxima, a investigación do acontecido e a depuración de posíbeis responsabilidades, de carácter político ou técnico. En democracia, os responsábeis políticos deben responder fronte á cidadanía.

Máis información:

Comentarios_ informe_Conselleria_lumes.pdf Comentarios de Verdegaia ao informe da Consellería do Medio Rural sobre a vaga de lumes de agosto.pdf (84.43 KB)