jpg_logo_calidad_aire_2008_100px.jpgSegundo o informe de Verdegaia e Ecologistas en Acción "A calidade do aire en Galicia. Balanzo 2008", baseado en datos divulgados pola Xunta, practicamente en todas as principais cidades galegas se incumpren os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para as partículas inferiores a 10 micras (PM10), o contaminante atmosférico máis preocupante desde o punto de vista da saúde humana. O informe tamén denuncia que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas oculta información sobre a calidade do aire no contorno dalgunhas industrias contaminantes.

Aínda que, segundo os datos da Xunta, en 2008 só se  rexistrou unha superación dun valor límite legal -para PM10, na cidade da Coruña-, incumpríronse en practicamente todas as principais cidades valores recomendados pola OMS, máis esixentes que os legais en vigor. Para PM10 houbo incumprimentos na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo. Para PM2,5 (partículas inferiores a 2,5 micras)  na cidade de Vigo e na estación de San Vicente de Vigo (da rede da central térmica de Meirama, situada en Cambre). E tamén para outro contaminante, o dióxido de nitróxeno (NO2), na Coruña. O tráfico é a principal causa de deterioración da calidade do aire nas cidades.

Verdegaia e Ecologistas en Acción denuncian que a Xunta continúa sen cumprir as   disposicións   sobre   información   ao   público   contidas   na normativa   de   calidade   do   aire. En particular, cómpre destacar que non se está a divulgar nin un só dos datos sobre a calidade do aire obtidos nas estacións de medición situadas no contorno dalgunhas industrais contaminantes: Cementos Cosmos (Sarria), central térmica de Sabón (Arteixo), Ferroatlántica-Sabón, Ferroatlántica-Dumbría, Finsa (Santiago), Materiales del Atlántico (Narón) e a incineradora de SOGAMA (Cerceda).

 Aínda que a rede galega de estacións que miden a calidade do aire non permite unha boa avaliación dos problemas de contaminación atmosférica, pódese afirmar que os habitantes das cidades e dalgúns contornos industriais respiran aire contaminado nocivo para a súa saúde. No conxunto de España, segundo o Ministerio de Medio Ambiente e do Medio Rural e Mariño, prodúcense 16.000 mortes prematuras ao ano relacionadas coa contaminación atmosférica.

Verdegaia e Ecologistas en Acción reclaman novas políticas territoriais e de transporte que reduzan drasticamente o tráfico nas cidades e as súas áreas de influencia. É necesario deixar de enterrar grandes sumas de diñeiro en ampliacións da capacidade viaria que só alivian por un tempo os problemas de conxestión e restrinxir fortemente o uso do vehículo privado, principal causa de degradación da calidade de vida no ámbito urbano. Ao mesmo tempo, cómpre potenciar todo o posible os desprazamentos a pé e en bicicleta  e o transporte colectivo.

Descarga aquí o informe:pdf A calidade do aire en Galicia.Balanzo 2008

Máis información: Campaña Aire Limpo de Ecologistas en Acción