A achega ao cambio climático dos coches que circulan polas cidades é enorme. En Galicia, os turismos emitiron 1.602.000 toneladas de dióxido de carbono (CO2) en ámbitos urbanos durante 2007 e todo o tráfico urbano representa o 40% das emisións do transporte por estrada, segundo datos do Ministerio de Medio Ambiente  Se comparamos as emisións do coche no medio urbano coas de industrias individuais, tan só resultan inferiores ás das térmicas de carbón. Alén de contribuír ao cambio climático, o automóbil provoca niveis excesivos de contaminación atmosférica nas nosas cidades.

Este ano o lema da Semana Europea da Mobilidade, “Mellora o clima da túa cidade”, chama a atención sobre a importancia de reducir as emisións de CO2 dos desprazamentos urbanos para loitar contra o maior problema socioambiental global, as alteracións climáticas. E é que grande parte das elevadas emisións de CO2 do transporte por estrada acontecen en ámbitos urbanos, no caso de Galicia nada menos que o 40% (2.596.000 dun total de 6.492.000 toneladas no ano 2007). En Galicia, as emisións de CO2 do tráfico urbano non deixan de medrar e multiplicáronse por 2,4 entre 1990 -ano de referencia para o Protocolo de Quioto- e 2007, polo que creceron aínda a maior ritmo que as emisións totais do transporte por estrada.

O principal emisor de CO2 nas cidades é o automóbil privado, por riba doutro tipo de vehículos. Os turismos supoñen o 61,7% das emisións asociadas a desprazamentos urbanos.

O tráfico urbano non só provoca mudanza climática senón que tamén é a principal causa de que na práctica totalidade das cidades galegas se superen os valores máximos de concentración no aire recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para as partículas inferiores a 10 micras (PM10), o principal contaminante atmosférico, como pon de relevo o informe “A calidade do aire en Galicia. Balanzo 2008”, de Verdegaia e Ecologistas en Acción.

Reducir o tráfico urbano é chave para mellorar a calidade de vida nas nosas cidades e para tornalas sustentables a escala local e global. A mellora da eficiencia dos coches é necesaria pero resulta insuficiente, porque hai moitos coches e úsanse demasiado. Unha política de mobilidade sustentable debe ser simultaneamente de disuasión e estímulo. Disuasión do uso do automóbil (restrinxir o estacionamento, “pacificar” o tráfico, estabelecer peaxes de acceso aos centros urbanos,…). Estímulo dos medios sustentables (carrís bus, servizos ferroviarios de proximidade, itinerarios peonais e ciclistas seguros e agradables,…). Todo isto no marco de Planos de Mobilidade Sustentables.

A construción de máis infraestruturas (túneis, rondas, ampliacións de estradas,…) para aumentar a capacidade da rede viaria non soluciona a longo prazo os problemas de conxestión, agrava aínda máis a insustentabilidade do transporte e desvía enormes sumas de diñeiro público da atención a necesidades sociais prioritarias (sanidade, educación, protección ambiental,…).

 

Anexo

Emisións de CO2 (kt) do transporte por estrada baixo pautas de condución urbana e emisións totais do transporte por estrada en Galicia

1990

2007

Turismos

753

1.602

Vehículos lixeiros (<3,5 t)

142

447

Vehículos pesados (>3,5 t)

173

545

Motos

15

2

Total tráfico urbano

1.083

2.596

Total transporte por estrada

3.094

6.492

 

Fonte: Elaboración propia con datos do Inventario de Emisións de Acidificadores, Precursores de Ozono e Gases de Efecto Invernadoiro do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (2009).