autoestrada.jpgTras ler en varios titulares que “Un informe considera que a futura autovía A-76 podería ser positiva para os Parques Naturais Serra da Enciña da Lastra e O Invernadeiro“, seguido dun non menos inverosímil “A tese da Universidade contradí a posición da Consellaría de Medio Rural, contraria ó trazado da A-76 polo Parque Natural da Sierra da Enciña da Lastra”, desexamos, dende Verdegaia, manifestar a nosa estupefación e desagrado por estas afirmacións perante o obvio impacto que xerará nestes espazos de grande valor ambiental por mor da construción da autovía A-7.

Un estudo exclusivamente económico como o desenvolvido polo grupo G4Plus da Universidade de Vigo non pode, de ningún xeito, contradicir os máis que probados gravísimos impactos ambientais, de deterioración e fragmentación de hábitats, que esa alternativa de trazado produciría no Parque Natural e nos valores da rexión.

Non entendemos como un grupo de investigación vencellado a unha Universidade pública pode realizar este tipo de declaracións gratuitamente sen considerar o perigo que supón para a súa credibilidade. Un proxecto de autovía que pretenda xa non só afectar as inmediacións dun espacio natural protexido, senón atravesalo sen miramentos, é incompatible coa conservación de hábitats e especies de interese comunitario e prioritario e ameaza a integridade da Rede Natura 2000. Certas medidas correctoras ante algúns trazados que atravesan o parque son, ademais de caras, simples “parches” ó efecto barreira das vías de transporte, polo que consideramos que a única opción para previr os graves danos da fragmentación de hábitats é elixir un trazado alternativo. A construción dunha autoestrada no entorno dun Parque Natural implica afeccións ambientais graves. Os estudos de rendibilidade económico-financieira non son influíentes sobre a viabilidade ambiental do trazado proposto.

Desde o punto de vista económico-ambiental, o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra presenta un enorme potencial para actividades económicas que non colisionen coa súa sustentabilidade ambiental e mesmo baseen o seu desenvolvemento nel. . Este tipo de iniciativas, beneficiarían a economía local de diversos xeitos, dando a coñecer e dinamizando as potencialidades da zona, o que á súa vez sería fundamental para involucrar á Administración e á poboación local, xerando máis riqueza que á súa vez contribuiría á conservación a longo prazo do patrimonio natural.

Consideramos que valorar a afección dunha infraestrutura unicamente dende o punto de vista económico e a comodidade xerada a raíz da implantación doutra autovía, é unha falla de respeto ó medioambiente, unha mostra de demagoxia e de desprezo a persoas que si poderían desfrutar dos beneficios económicos, sociais, ecolóxicos e culturais que xeran os recursos naturais cando se explotan de modo sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, ademais da calidade de vida potencial do entorno dun Parque Natural.

A Serra da Enciña da Lastra convirteuse en Parque Natural polo Decreto 157/2002, do 4 de abril (DOG n.º 85, do 3 de maio de 2002) e dispón do recoñecemiento de Lugar de Importancia Comunitaria (L.I.C.) que conta con dez hábitats de interese comunitaria e de Zona de Especial Protección para as Aves (Z.E.P.A.); ademais, na súa contorna están inventariadas oficialmente oito zonas húmedas pertencentes a dúas provincias.

Se realmente este estudo busca “a xeración de valor e riqueza nas áreas de influencia dos Parques Naturais de Galicia” debería ter en conta o equilibrio entre a protección e conservación do espazo co desenrolo socioeconómico da poboación residente porque senón, a riqueza económica que si pode xerar un Parque Natural, deixará de existir. E este tema se converteráse, tristemente, en que uns poucos (tras saquear convintemente) saquen tallada do morteiro e do ladrillo.

Por iso desde Verdegaia, solicitamos un compromiso por parte do Goberno galego e das institucións investigadoras na conservación da Rede Natura 2000 e os valores naturais ligados. Así como co impulso dunha política de transportes sustentable a escala galega e global que substitúa a construción de máis autovías e autoestradas pola xestión da demanda de mobilidade motorizada e a promoción dos modos de transporte menos destrutores do territorio, menos contaminantes e máis eficientes no uso da enerxía.