8M 2018 - Paramos Galiza

8M 2018 – Paramos Galiza

Chamamento ás mulleres galegas
8M 2018 – Paramos Galiza!

As mulleres da Coordenadora galega da Marcha Mundial das Mulleres chamamos a secundar na Galiza o paro internacional de mulleres iniciado polas nosas irmás latinoamericanas no 2017 reclamando un mundo sen violencia e o dereito a vivirmos unhas vidas libres nun mundo máis xusto.

Queremos convidar á folga non so no ámbito laboral, tamén no ámbito dos coidados, visibilizando todos os traballos que asumimos as mulleres e sen os cales a sociedade non podería funcionar.

Este 8 de marzo a terra vai tremer porque as mulleres do mundo asumiremos un Paro Internacional de Mulleres poñendo en práctica o mundo no que queremos vivir. Un mundo onde as tarefas de coidados sexan unha responsabilidade de toda a sociedade, valorizando o traballo invisibilizado das mulleres construíndo redes, apoios e estratexias vitais en contextos difíciles e de crises.

Un mundo onde non existan as violencias económicas, o empobrecemento das mulleres, a explotación do capital sobre as economías precarias, a explotación dos Estados nacionais e dos mercados cando nos endebedan, desaparecendo a vulnerabilidade fronte á violencia machista, os feminicidios, o noso dereito ao aborto libre …

As mulleres galegas estamos en folga para estarmos todas, nin unha menos, querémonos vivas. Porque están connosco: as vítimas dos feminicidios, as lesbianas e trans asasinadas por crimes de odio, as presas políticas, as desaparecidas, as mortas por abortos inseguros, as defensoras da nosa lingua, da nosa cultura, as que sofren acoso sexual, as encarceradas por delitos menores mentres a corrupción política, a banca e os delitos que benefician ao capital quedan impunes …

As mulleres galegas organizámonos na folga agrupándonos a todas, en todas partes, a forza do noso movemento está nos lazos que creamos entre nós, organizámonos para mudalo todo.

Porque tecemos un novo internacionalismo, porque o movemento das mulleres emerxe como potencia alternativa, porque querémonos vivas e ceibes arriscámonos en alianzas insólitas, porque estamos para nós, este 8 de marzo é o primeiro día das nosas novas vidas, porque móvenos o desexo, 2018 é o tempo da nosa revolución.

#Ninunhamenos, #querémonosvivas
#NósParamos #AInternacionalFeminista                          
#ParoInternacionalDeMulleres