Da man da Asociación Veciñal de Lentille as Brigadas (tamén desacaciadoras!) voltan á carga no esforzo por habilitar camiños e seguir facendo recuar as acacias desta aldea do Ribeiro.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até como moi tarde o dia 3 de febreiro. Lembrade que as prazas son limitadas (grupos separados con números reducidos segundo a normativa) para podérmonos axeitar ao protocolo covid. O alboroque terá lugar por volta das 14:30 mantendo a separación dos grupos de traballo.

O punto de encontro será o estacionamento do Souto ás 10:00 para quen viaxedes de lonxe virdes con calma e seguridade. Desde aí desprazarémonos a andar (10 minutos) até as zonas de intervención. Moito coidado coa xiada na estrada, por favor.

Cada grupo contará cun motoserrista, unha persoa debidamente acreditada para o manexo de fitosanitarios que se encargará do tratamento sobre cortes recentes, e 4-5 brigadistas que retirarán e separarán madeira e ramallada. Outra persoa terá que dar conta do lume no que iremos queimando a ramallada, para o que xa teremos a oportuna autorización e disporemos de mangueiras para traballarmos con seguridade.

A media mañán teremos un almorzo con froita fresca e froitos secos, e mesmo poderemos asar algunha chouriza no proprio lume das acacias. Disporemos bidóns grandes con auga fresca e ainda temos auga do puzo mais debedes traer a vosa propria garrafa para reencher, así como luvas, calzado axeitado e mesmo unha muda por se o inverno nos castiga e nos mollamos.Teremos aínda á disposición das Brigadistas debutantes camisolas en algodón ecolóxico e chapas que son privilexio exclusivo de Brigadistas activas. Se aínda non tendes a vosa e ides estar en Lentille no 6-F lembrade de indicarnos a vosa talla no momento de vos apuntardes (S – M – L – XL – XXL) pois só poderemos levar o número xusto de camisolas de cada talla.

Lembramos que as camisolas son totalmente gratuitas para as brigadistas activas aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente decucíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

O menú do alboroque aínda está por concretar, mais avisamos para devotas que xa andamos a considerar o protocolo para reincorporar aquelas lasagnas da Su capaces de transformar o duro traballo da roga nunha ocasión festiva. Viño e licores tampouco faltarán. Vós veredes.

Vémonos no monte, brigadistas! Facemos música coa motoserra!

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.