pict0041.jpgOs días 5 e 6 de xullo, Verdegaia organiza un fin de semana en bicicleta pola comarca da Limia. Ao longo da fin de semana achegarémonos tanto á faciana natural como á etnográfica desta zona. O percorrido inclúe visitas á Lagoa de Antela, ao museo etnográfico de Vilar de Santos, ao mosteiro de Trandeiras, á Carballa de Saínza, á aldea de Couso, á canle da Limia, á fervenza do río Férveda, á Torre da Porqueira e a outros lugares de sinalado interese. O roteiro é factíbel para todo tipo de persoas, ao seren distancias moderadas sen ningunha pendente. Especialmente recomendábel para familias con nen@s en trasportín. 

Data límite para anotarse: 30 de xuño

Custo: 0 €

Durmida: O Concello de Xinzo da Limia cedeu o uso do Pavillón Polideportivo para durmir a noite do sábado, onde teremos posibilidade de asearnos e gardar con seguranza as bicicletas. Tamén hai posibilidade de aloxarse en hostais, que correrían por conta da persoa

Almorzo/xantar/cea: Serán por conta dos participantes. Os xantares faranse en rota. Hai posiblidade de concertar unha cea conxunta para o sábado en función do número de participantes.

Transporte até A Limia: Dependendo do lugar de saída dos e das participantes, buscarase a posibilidade de xestionar un autobús con remolque.

Qué preciso: Bicicleta, saco de durmir, alforxa ou semellante e esteriña.

Para anotarse: info@verdegaia.org ou chamando ao 622 033 665

Percorrido:

DÍA 5 DE XULLO

Saída do roteiro: 11:00 dende a estación de autobuses de Xinzo

Distancia: 40 km. Practicamente plana agás unhas pendentes pequenas entre Trandeiras e Sarreaus

 

  a-limia-1-dia.jpg

1.- Torre de A Pena: Coñecida popularmente como o castelo de “A Porteliña" formaba parte das catro fortificacións que protexían a Lagoa de Antela (Pena, Sandiás, Celme e Porqueira). Construíuse no século XII para prever os intentos de invasión de Afonso Henriques de Portugal.

2.- Mosteiro de Trandeiras A oito quilómetros de Xinzo atópase o “Mosteiro do Bon Xesús" de Trandeiras, no que sobresae entre outros restos históricos o seu claustro, que se conserva case íntegro, ten unha forma rectangular, vinteoito arcos conopiais, de coidada molduración, saen dos capiteis nos que se transforman e asocian elementos en aparencia humilde.

3.- Aldea de Couso – Aldea deshabitada recuperada para usos hostaleiros, respectando a configuración e os materiais tradicionais. Conta con 14 casas, dous muíños e un forno comunal.

4.- Centro de Desenvolvemento Rural O Viso Proxecto de atención ás persoas maiores mediante comedores de día e actividades, na procura de que manteñan a súa independencia e arraigo

 

DÍA 6 DE XULLO

Distancia: 50 km

Perfil: Plano

 a-limia-2-dia.jpg

1.- A Casa da Lagoa de Antela O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela sitúase no centro da vila de Sandiás. Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela, a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, a súa desecación, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras.

2._ Areeiras As areeiras, explotacións mineiras de extracción de area, situadas nos concellos de Sandiás e Vilar de Santos, constitúen un espazo natural de grande importancia para as aves acuáticas.

3.- Museo etnográfico de Vilar de Santos Instalado desde 1996 nunha antiga reitoral, datada no século XVIII como hospital da Orde de Santiago, expón pezas etnográficas procedentes de toda a comarca da Limia, doadas na súa maior parte polos veciños da zona. Salas onde se recrean os oficios artesanais máis importantes, así como fotografías, mapas, etc., da desecada lagoa de Antela, ambientacións sobre as vivendas tradicionais e a vida no medio rural. Salas dedicadas ao cultivo da pataca, como principal explotación agrícola da zona, os cereais e o liño, onde podemos ver tecedeiras traballando este material.

4.- A Carballa da Rocha O nome de Carballa da Rocha fai referencia a un exemplar de carballo (Quercus robur) de notoria singularidade e beleza, o cal será obxecto dunha protección especial polo seu interese científico, histórico-cultural e paisaxístico. A árbore presenta un porte impresionante, cun perímetro a unha altura estándar de 1,30 m de 6,90 m, bifurcándose aos 7 m de altura en dous eixos de grandes dimensións ata alcanzar a extraordinaria altura de 33 m. O seu estado de saúde é excelente, non presenta feridas nin partes deterioradas, nin tampouco síntomas de pragas ou a presenza de ataques fúnxicos foliares.

5.- A Torre da Porqueira O castelo ten a particularidade de estar na aresta do val e non na da montaña, xa que a súa misión era impedir a penetración dende Portugal por esta veiga do Limia. A Torre conserva o aparello orixinal do XII, coas xuntas erosionadas e un coroamento de ménsulas non tan xuntas como as da Torre de Pena, pero moi ben conservadas aínda que desapareceran as ameas. A entrada, antes máis alta que o terreo por lóxico motivo de defensa, ten agora acceso por unha escaleira de pedra. A porta de entrada da acceso a unha escaleira interior que ten a media altura unha fiestra semellante a porta da que o tímpano non chega ó semicírculo.

6.- A fervenza do río Férbida Sobre a localidade de A Forxa, o escabroso terreo polo que baixa o río Fírbeda forma un paraxe salvaxe. O río Fírbeda-Río das Mestas discorre entre os municipios de Calvos de Randín e Porqueira para a tan só uns cantos metros de alcanza-la localidade A Forxa romper violentamente as súas augas polo corto traxecto dun canón tan sinuoso como espectacular. Divisa-la fervenza ofrece un interesante xogo de posicións, pétreas atalaias de altitude considerable cortadas en vertical a partir do mesmo leito fluvial. Posibilidade de baño en pozas